O incerto futuro do baloncesto galego

Un só equipo, o Obradoiro CAB, será o único representante galego na ACB tras logar o respaldo económico da Xunta. Mentres, descenden dous equipos femininos "pola vía económica". O Breogán Leite Río será o único na LEB ouro e ao Augas de Sousas Ourense, na LEB Prata.

Por Galicia Confidencial | Arzúa | 21/07/2011

O regreso do Obradoiro CAB á liga ACB é a gran nova que salva a mala situación pola que atravesa o baloncesto galego. Onte fíxose pública a lista de equipos aceptados de xeito definitivo nas distintas categorías das ligas da Federación Española de Baloncesto, tendo de prazo ata o día 28 de xullo para completar a documentación por parte dos numerosos equipos que presentan deficiencias na mesma.

A situación non é mellor a nivel doutras comunidades. A presencia de tan só 7 equipos admitidos na LEB prata ou os 3, onde deberían ser 16, no grupo Sur da liga EBA, son mostra evidente da reforma á que tenden tanto as competicións como a estructura económica e deportiva dos propios equipos.

A nivel galego o Breogán Leite Río será o único representante na LEB Ouro, unha vez que non quedou vacante algunha para dar entrada ó Augas de Sousas Ourense. Os das Burgas aparecen entre os sete equipos con praza garantida na LEB Prata. É de agardar que entre os equipos que o día 28 aparezan confirmados na terceira categoría do baloncesto masculino nacional estea tamén o Basquet Coruña.

Liga EBA

Certamente "caótica" é a presencia polo de agora de tan só 3 equipos galegos confirmados na liga EBA. A boa nova é o debut do Baloncesto Narón, campión galego da pasada temporada en categoría nacional. Os outros dous con praza seguran son Chantada Galicia Vento, equipo no pasado exercicio dos arzuáns Lolo e David Castro, e Estudiantes Lugo Leyma Natura. Faltan, en relación á temporada pasada, equipos como Peixe Galego Marín, Ferrol, ABO Ourense, Xiria Carballo, Xuventude de Cambados, Obradoiro e Rosalía, aínda que agardamos con total seguridade que o día 28 varios destes equipos serán incluídos no listado de participantes. Non cabe dúbida de que a competición e o baloncesto galego vivían momentos mellores cando aló polo 2002 ata 13 equipos galegos, entres eles o TGM Arzúa, formaban parte da competición.

Descensos pola "vía económica"

Na categoría feminina cabe lamentar os "descensos pola vía económica" do Cortegada de Vilagarcía, que renunciou á Liga Feminina, e o Pio XII de Santiago, un clásico da Liga Feminina Dúas que esta temporada non estará na competición.

Deste xeito o histórico Celta de Vigo, tantas veces campión de liga, Copa e ata un dos equipos españois pioneiros en competir en Europa, queda como único representante de Galicia na máxima categoría feminina nacional.

Na segunda categoría, xunto ó Cortegada, continúan os dous equipos de Ourense (Codigalco Carmelitas e Pabellón), Arxil de Pontevedra, e os "ex - primeiras" Durán Maquinaria Ensino de Lugo e Universitario de Ferrol.

A primeira división nacional feminina contará con só un representante galego, o Sondeos del Norte Maristas de A Coruña, que competirá cos numerosos equipos asturianos e castelán - leoneses.

Polo que respecta ó TGM Arzúa indicar que en vindeiras datas informaremos do que parece segura continuidade do equipo na primeira división nacional de baloncesto masculino.

Vía Cabarzua