O empresario acusa a destacados políticos de PSdeG, BNG e PPdeG de cobrarlle comisións por facilitarlle subvecións. Carta de dimisión do deputado Cobián no interior.
Por Walter Burns | Lugo | 04/10/2011
O mundo político galego estremeceuse esta mañá coa portada do xornal El Mundo. O debate sobre as enormes indemnizacións que cobraron os directivos da nacionalizada NCG pode verse relegado na axenda mediática por un suposto caso de corrupción que afecta ás tres forzas con presencia no Parlamento de Galicia.
O ministro de Fomento, o lugués José Blanco, é o acusado máis importante entre os sinalados por Jorge Dorribo.
O empresario imputado na Operación Campeón acúsao de cobrar 400.000 euros a cambio de facilitarlle unha axuda de máis de 467.000 da Dirección de Ayudas de Regionales e para que o Ministerio de Sanidad axilizase uns permisos de Laboratorios Nupel. Os cobros dos supostos subornos realizaríanse a través das empresas Proitec, rexistrada no marco da trama, Electrecidad Espiñeira e Bran, propiedade dun primo político do ministro.
O político do PSdeG xa negou as acusacións "totalmente falsas". É máis, o socialista anunciou "accións civiles e penais" para defender a súa honra. O alcalde de Lugo, onde se basea a presunta trama, tamén defende a Blanco. López Orozco asegura que Dorribo tan só pretende enlear a trama para obter unha condena menor.
Polo de agora, a Xustiza dá credibilidade as acusacións do presunto empresario corruptor. O Tribunal Supremo fíxose cargo da instrución, pois Blanco é deputado nas cortes. Dorribo buscaría supostamente cooperar coa Xustiza para recibir unha pena menor.
PP: Pablo Cobián e Lete Lasa
O secretario xeral do PP de Madrid xa pediu ao ministro portavoz que dea explicacións públicas. Unha petición curiosa pois Dorribo tamén culpa a un 'popular' de cobrar comisións.
O deputado no Hórreo Pablo Cobián cobrou un suborno de 200.000 euros, segundo o dono de Nupel. Cobián, que tamén e concelleiro en Oleiros, tamén facilitaría o cobro de axudas da Xunta. Ademais dos subornos, o conservador lograría que o seu fillo correse no equipo de rallies que patrocinaba Nupel.
Cobián demetiu como concelleiro e deputado este martes ao mediodía. O deputado asegura que é inocente e recoñece que só se beneficiou dun patrocionio para a carreira de piloto do seu fillo, sen especificar en que consistiía. O conservador, ao igual que o ministro de Fomento, promete querellarse contra o empresario imputado.
Dorribo mantivo boas relacións coa actual administración autonómica galega até que saltou o escándalo. Así o proban as fotografías que ilustran esta información. Nelas, o secretario xeral de Deportes, Lete Lasa, visita a sede dese equipo de rallyes en Vilalba.
Daquela, a comezos de 2010, Dorribo planeaba lanzar unha escola de rallies, a Luís Moya Rallie School, co apoio do Goberno Galego.
"José Ramón Lete expresou a predisposición da Xunta de Galicia de colaborar cun proxecto único en España e clave nun deporte como o automobilismo que ten moita afección na nosa comunidade", presumía unha nota do Executivo. Finalmente Dorribo, xa agobiado polas débedas, deu un paso atrás e deixou de ser o principal patrocinador do equipo. Lete Lasa nunca deu explicacións da súa relación co polémico empresario.
BNG: Fernando Blanco e Barraza
Quen xa desmentiu publicamente as durísimas acusacións de Dorribo é o ex-conselleiro de Industria nacionalista Fernando Blanco. Dorribo di que lle pagou ao político da UPG 200.000 euros en subornos durante o biparitto a cambio de subvencións. O político de Lugo desminte a "acusación de fundamento" e argumenta que todas as subvencións foron concendidas de acordo a Lei. Blanco tamén promete demandar ao empresario acusador e insiste en que non cobrou un peso das empresas do Grupo Nupel.
Do seu xefe de Gabinete, Xoán Bazarra, Dorribo di que é o testaferro do ex-conselleiro para cobrar os subornos. Bazarra, que traballa nunha empresa de Dorribo en Andorra, tamén hai meses que defendeu publicamente a súa inocencia.
A Consellería de Industria de Fernando Blanco foi unha das numerosas administracións que subvencionou a Nupel. Tamén o fixo o IGAPE, que non dependía do nacionalista, e que foi rexistrado pola Xustiza ao comezo dunha trama que parece non ter fin.
Agardando a fin do segredo de sumario
Ningún dos políticos citados nesta información está polo de agora imputado. Si o están o director e o ex-director do IGAPE nomeados polo Goberno Feijóo (PPdeG). A Xunta até hoxe defendeu a súa inocencia, malia que seguen sen coñecerse os cargos nunha trama na que tamén se investiga o blanqueo de capitais.
Os conservadores confían en que só os acusen aos cargos do IGAPE de non vixíar adecuadamente que Nupel cobrase as subvencións deste organismo público cumprindo os requisitos.
O suposto grao de implicación da actual administración galega, dunha rede de farmacias, do biparitito e incluso do goberno ZP desvelarase nos próximos días, cando o Supremo levante o segredo de sumario.
Velaquí a carta de dimisión de Pablo Cobián:
“En primeiro lugar, quero manifestar a miña sorpresa pola información publicada hoxe no xornal El Mundo na que se indica que percibín cantidades de diñeiro supostamente por favores políticos por parte do señor Dorribo. A única relación que mantiven con este señor foi a través dunha empresa de patrocinio deportivo do meu fillo en probas de alta competición automobilística, un patrocinio que era compartido con outras importantes empresas galegas. É absolutamente falso que percibira cantidade algunha de diñeiro a nivel persoal, tal e como se manifesta na noticia. Descoñezo se se trata dunha información periodística incorrecta ou ditas manifestacións foron en realidade feitas polo señor Dorribo ante o Xulgado, posto que, como se indica na propia información publicada hoxe, as actuacións permanecen baixo segredo de sumario polo que non se pode saber que hai de realidade no publicado. Vou emprender cantas accións xudiciais sexan necesarias para depurar as responsabilidades que houbera lugar polas filtracións que se produciron e, por suposto, unha vez que poida ter coñecemento das actuacións, emprenderei accións penais contra o señor Dorribo para o caso de que verdadeiramente teña realizado esas declaracións. Cando entrei en política, asumín un deber para coa cidadanía e ese compromiso me leva a presentar hoxe a miña demisión de forma persoal e inmediata como membro da Corporación Municipal do Concello de Oleiros e como deputado do Partido Popular de Galicia no Parlamento galego, por respecto aos cidadáns que me votaron e tamén para non prexudicar á formación política á que pertenzo. Todo elo a pesar de ser inocente, algo que penso demostrar en canto teña a oportunidade de declarar.”