A Xunta de Galiza inclúe por fin o Carballo da Portela no catálogo de árbores senlleiras

O carballo localízase na parroquia mondarizán de Sabaxáns, e supera en 1,80 m a altura máxima de referencia

Por bngmondariz | GC ABERTO | 15/10/2011

O Diario Oficial de Galiza publicou por fin o pasado xoves 13 de outubro unha Orde da Consellería de Medio Rural polo que se actualiza o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza. Este documento inclúe dúas árbores da comarca do Condado: o Carballo do Campo (A Portela; Sabaxáns) de Mondariz, e o Piñeiro de Alxán (Pinus pinaster Ait.) localizado na mesma parroquia do concello de Salvaterra de Miño.

O Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza é un documento no que figuran as árbores e formacións do noso país máis significativas e relevantes, xa sexa polo seu interese natural, cultural, científico, estético ou paisaxístico.
 

Este catálogo deriva da Lei do Parlamento de Galiza 9/2001 de Conservación da Natureza, considera que o interese científico, estético ou monumental e ornamental dalgúns exemplares de árbores ou espécimes da flora existentes en Galiza, de calquera especie botánica autóctona ou foránea, os fai merecedores de normas protectoras específicas, xa que constitúen un patrimonio natural e cultural valioso, de interese público, irrecuperable no caso da súa destrución.
 

A solicitude de catalogación do Carballo da Portela foi realizada polo BNG de Mondariz no ano 2006, sendo concelleiros Xosé M. Márquez e Alberte Reboreda, unha tramitación longa que continuou e rematou agora, sendo portavoz do grupo municipal Xoán C. Montes Bugarín -Calis-. Así, a día de hoxe, o Piñeiro de Alxán de Salvaterra, o Piñeiro manso dos Candeiras, en Ponteareas1, son, xunto co Carballo do Campo de Sabaxáns (Mondariz), as únicas árbores da comarca do Condado que figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza.
 

Información dendrométrica
- NOME DO EXEMPLAR: Carballo do Campo
- LOCALIZACIÓN: Lugar da Portela; parroquia de Sabaxáns; Concello de Mondariz (Pontevedra)
- DESCRICIÓN DA ÁRBORE: Quercus robur. Diámetro do fuste a 1.30 m (d): 3,75 m.; Altura total (h): 35,80 m. (altura máxima en Galiza: 34 m).
- MOTIVO DA CATALOGACIÓN: Tamaño, porte e importancia científica e natural.
 


1 Esta árbore estaba incluída no Catálogo da Xunta desde o ano 2007.