A loita polo galeguismo de centro

A realidade política galega é moi plural, pero esta complexidade non se reflicte no Parlamento. No PP convive dende o centralismo máis españolista até os que se din galeguistas de centro-dereita. Ningún dos intentos de captar a este sector galeguista do PP logrou asentarse até hoxe. Poden CG, TEGA ou CXXI disputar ese espazo?

Por Galicia Confidencial | Vigo | 01/11/2011

Un artigo de Fabián Barreiro Bouzón

Na actualidade conviven a lo menos tres formacións galeguistas que se din liberais, progresistas, de centro ou galeguistas. O galeguismo aberto e integrador, reza o lema de CG. A forza das novas ideas, di o de CXXI. Pero, cal é a razón pola que a potencialidade do voto galeguista liberal esváese como unha pastilla efervescente? Por que non se consegue unha cohesión como si existe en Catalunya ou Euskadi? Quizais a falla dunha masa burguesa galega, ou quizais a anteposición do individualismo e o caciquismo alternativo ao vixente, o que fai que a maquinaria non acabe de arrancar.

CXXI ten unha base sólida. Defínense como liberais e mesmo recoñecen mirarse no espello de PNV e sobre todo dos cataláns Convergencia i Unió. Naceu no 2009, da man do seu Secretario Xeral, Carlos V. Padín, e en pouco mais de dous acadou representación no concello Tui. Ademais conta con bases solidas en Vigo, A Coruña e Santiago, e dende agora tamén en Lugo e Ourense.

A historia de CG e TEGA vai intimamente ligada, xa que a primeira agromou dunha escisión da segunta. Dende que TEGA naceu no 2005 coa integración de varios partidos como Coalición Galega, Unidade Por Narón e outros tantos, o crecemento da formación liderada por Xoán Gato aconteceu de xeito exponencial. Só dous anos despois, nas eleccións municipais do 2007, TEGA superaba xa o 2% dos votos, acadou 69 concelleiros en 29 municipios, e accedeu á alcaldía de concellos coma Os Blancos, Meira, Narón. Neda ou Valdoviño. En apenas 2 anos TEGA converteuse na 4º forza política. Máis esta potencialidade non abondou para xuntar un partido no que a loita polo poder non permitía establecer unhas bases de crecemento. Nunhas eleccións primarias ao candidato ao Presidente da Xunta en 2009 Xoan Gato non acadou os apoios necesarios da militancia. Así foi como, non por motivos ideolóxicos senon persoais, o que era Secretario Xeral de TEGA desencadeou a escisión de Converxencia Galega.

CG e CXXI, a pelexa pola converxencia

 CXXI e CG semellan ser na teoría o mesmo, pero enfocado de diferentes xeitos. No caso de CXXI vemos a un partido estruturado dende as bases, e cos países do norte de Europa como referencia. O seu propio líder, Vázquez Padín (graduado en CC Políticas pola USC), xa afirmara que non ten présa por chegar ao poder. Moitos detractores acúsano de utópico nos seus plantexamentos, e tamén de que a súa formación teña unha presenza nos medios ás veces esaxerada para a importancia relativa do seu partido, e en comparación con TEGA ou CG. Isto indica que, xunto ao feito de formar os alicerces nas grandes cidades, CXXI aposta con forza pola promoción do seu nome, da súa marca.

CG, pola contra, establece a súa estratexia no feito de agromar dende os concellos. Establece as súas zonas de poder en municipios de mediano tamaño, con relativa importancia de masa social, como poden ser Narón (onde TEGA acadara 11 concelleiros) ou A Guarda. Pero esa fortaleza que amosa no eido municipal esváese a hora de deliñar un proxecto común, de País. O principal problema de CG semella ser o individualismo xerado a partir dos alcaldes converxentes, que pelexan polo liderado e converten á formación nunha pequena loita de cidades estado.

CXXI é a única formación das tres que se presenta ao 20N

Nin CG nin TEGA presentaron candidatura as eleccións xerais do 20N. Ahí é onde potencialmente CXXI ten un filón de ouro. Unha masa crítica de votantes que non ten medo de votar a outro partido que non sexa a tríada PP-PSOE-BNG. Miles de votantes que lle deron a súa confianza a un tipo de partido estandarizado, pero que non acaba de despegar: os centristas galeguistas. Votantes que, malia non estaren satisfeitos coa xestión do partido estatal que nos goberne, votan aos grandes partidos ao non atoparen alternativas.

O feito de que Converxencia Galega non se presente ás Eleccións Xerais do 20N, e sumado a que CXXI é o único partido xunto co BNG de ámbito galego, pode facer que os de Padín suban como a espuma se saben aproveitar o tirón destas localidades. Dependendo dos resultados do vindeiro 20N veremos a aceptación ou rexeitamento ao proxecto de CXXI.