Crean un conxugador verbal automático

O CilenisConxugador permite conxugar de maneira fiable calquera verbo da lingua galega, mesmo os inventados. Tamén hai versión en portugués.

Por Galicia Confidencial | | 08/11/2011

Cal é a terceira persoa do plural do pretérito pluscuamperfecto do verbo haber? Como se conxuga o futuro dun verbo que aínda non recollen os dicionarios, como tuitear? A resposta xa está na rede. Cilenis vén de lanzar a máis completa ferramenta online para conxugar verbos de maneira automática: o CilenisConxugador.

Esta ferramenta é un conxugador verbal automático en galego e outro en portugués, dirixido aos 240 millóns de falantes desta lingua. O CilenisConxugador (http://conxugador.cilenis.com/) é a aplicación máis completa existente para conxugar de maneira automática calquera verbo en lingua galega. Permite conxugar os verbos que forman parte do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG) e tamén calquera outro verbo: neoloxismos, tecnicismos, localismos, verbos dunha xerga ou incluso inventados. O conxugador está dispoñible de maneira gratuíta en www.cilenis.com.

Este conxugador está baseado no sistema de código aberto conshuga, desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela polo grupo de grupo de investigación ProLNat@GE (Grupo para o Procesamento da Linguaxe Natural), do que procede o equipo de traballo de Cilenis. O resultado é unha ferramenta con importantes aplicacións no ámbito da educación, a comunicación e a empresa.

Tamén en portugués

Conxuntamente coa versión galega, Cilenis desenvolveu un conxugador verbal en portugués, dispoñible desde xa para os máis de 240 millóns de falantes desta lingua no mundo. A empresa galega sitúase así en primeira liña na creación de ferramentas lingüísticas on line no ámbito lusófono cunha ferramenta que mellora as existentes ata agora.

O CilenisConjugador permite consultar verbos nas catro variantes do portugués: portugués europeo e portugués brasileiro, en cada caso antes e despois do acordo ortográfico. Tamén neste caso é posible optar por conxugar infinitivos presentes nos léxicos portugueses e brasileiros ou facelo con calquera verbo, incluso inventado.

Enxeñería lingüística


O conxugador é un dos primeiros produtos que lanza Cilenis, nacida en maio deste ano. Trátase dunha empresa spin-off creada por membros do grupo de investigación ProLNat@GE da USC. Cilenis ofrece produtos e solucións avanzadas nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística.