O Apalpador na tradición galega

Na montaña lucense, principalmente, nos vales do Cebreiro, Courel, Louzara e Ancares, é onde pervive a figura do vello e rexo carboeiro que apalpa a barriga dos nenos. Facemos un percorrido pola recuperación desta tradición. Vídeos no interior.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 07/01/2012

Ata hai ben pouco case nada se sabía da figura deste ser mítico. Ata o 2007, o Apalpador era unha figura case descoñecida, só mencionada nos traballos dos investigadores José André Lopes Gonçales, Carlos Calvo Varela e Xesús Taboada Chivite.

Do primeiro é a primeira cantiga recollida en 1997 a Amadora de Celeiro.

Hoxe é día do Nadal,

día do Noso Señor

ide logo para a camiña

que vai vir o Apalpador.

·············

Hoxe é día do Nadal,

vai neniño para a camiña

que vai vir o Apalpador

a apalparche a barriguiña.

·············

Hoxe é día do Nadal,

que haberá gran nevarada,

e há vir o Apalpador

cunha mega de castañas.

·············

Por aquela cemba,

xa ven relumbrando,

o señor Apalpador

para darvos o aguinaldo. 

Previamente, en 1982, Xesús Taboada Chivite, no traballo ‘La Navidad gallega y su ritualidad, in Ritos y creencias gallegasrecolle a existencia do ritual de apalpar a barriga dos nenos en Noitevella e que chamou “noite do apalpadoiro”. 

Posteriormente, no 2007, Carlos Calvo Varela publica  "O Apalpador e o toro de Natal; ou o "Papá Nöel" e a árvore de luzes", un traballo publicado no número 95-96 e no que se fai un extenso estudo sobre o fenómeno do Apalpador. 

Traballo actual 

Pero, quizais, o traballo máis importante sobre o Apalpador foi o publicado este ano pola  Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Gentalha do Pichel; “Teoría de inverno”. Neste libro, e grazas ao traballo deste grupo, hai unha selección de conversas con veciños das montañas lucenses onde se recuperou a figura do Apalpador.

E estes veciños falan dun home vello e forte que era carboneiro e que viña na noite de Nadal a palpar barrigas para ver se os nenos ían pasar fame. Nalgunhas aldeas, o máis vello da comunidade disfrazábase de Apalpador e recorría as casas dos veciños. A Gentalha do Pichel ten recollidos case 30 vídeos recuperando esta tradición.

 

Nun destes, Jaime Parada, da aldea de Outonín, fala sobre o Apalpador:

 

 

E nestoutro, é o colaborador do GC, Sechu Sende, quen fala con Fina, de Ferramulín, e coñece de primeira man quen era o Apalpador.