Traducións de clásicos do francés de balde
O colaborador de GC, Henrique Harguindey, acaba de poñer en marcha un interesante blog no que se poden atopar obras escritas en francés traducidas ao galego.
Por Xurxo Salgado | O Morrazo | 08/01/2012
En Palabras Desconxeladas nos lectores poden ler e baixar gratuitamente varias traducións e libros sen outra limitación que as da licenza Creative Commons.
O seu autor, o escritor e traductor Henrique Harguindey recolle nesta web as traducións que publicou ao longo dos anos e que non están baixo o dominio dos dereitos de autor. “En calquera caso, quero agradecer públicamente ás editoras o seu permiso para poñelas en libre disposición das lectoras e lectores, sempre baixo a licenza Creative Commons que indica a páxina de biografía”, asegura.
Entre estas obras destacan:
- ANÓNIMO: Dito da herbaría. (PDF, EPUB ou MOBI)
- ANÓNIMO: Farsa do avogado Patelín. (PDF, EPUB ou MOBI)
- ANÓNIMO: Monólogo do arqueiro franco de Bagnolet. (PDF, EPUB ou MOBI)
- RABELAIS, François: Pantagruel. (PDF, EPUB ou MOBI)
- RABELAIS, François: Gargantúa. (PDF, EPUB ou MOBI)
- RABELAIS, François: Cuarto Libro. (PDF, EPUB ou MOBI)
- MOLIÈRE: O burgués fidalgo. (PDF, EPUB ou MOBI)
- VOLTAIRE: Cándido. (PDF, EPUB ou MOBI)
- HUGO, Victor: O reiciño de Galicia. (PDF, EPUB ou MOBI)
- LABICHE, Eugène: O caso da rúa de Lourcine. (PDF, EPUB ou MOBI)
- JARRY, Alfred: Ubú Rei. (PDF, EPUB ou MOBI)
Obras propias
Harguindey, en colaboración coa súa muller, tamén preparou dúas escolmas de literatura popular galega: unha dirixida a transmitir o rico tesouro patrimonial aproveitándoo no desenvolvemento dos máis pequenos, e outra unha antoloxía do conto popular galego, “organizando e peneirando as recolleitas dos nosos grandes etnógrafos”. “Como unha pequena continuación daquela angueira propoño agora esa Flor da cantiga”, asegura.
Neste apartado, tamén inclúe Caixiña de música, con media ducia de traducións que fixo, unhas solicitadas por amigos para as súas corais e outras por propia iniciativa. Ademais, reproduce unh serie de artigos publicados no seu día en A Nosa Terra baixo o título de O fío da lingua, que tiña o propósito de estimular a curiosidade pola linguaxe.
Finalmente inclúe, en francés e baixo o título de La Galice racontée par des Français, unha serie de traballos, e de pesquisas que foi realizando ao longo dos anos sobre a presenza de Galicia en textos franceses. “Hai unha asombrosa continuidade de testemuños dende a Chanson de Rolandao século XXI que é interesante coñecer. E constitúe para min un honor poder contar cun prefacio do meu amigo Ramón Chao”, asegura o autor.
Nado en Lugo en 1946, Hernrique Harguindey é catedrático de francés. Dende os anos 70 traduciu ao galego máis dunha ducia de libros.