A exposición "O país das vacas quere pór en valor o seu papel como referente de desenvolvemento no mundo rural". A mostra pode visitarse en Santiago ata o 1 de abril e percorrerá logo outras capitais galegas.
Por xurxolobato | GC ABERTO | 12/02/2012
Ser un tributo visual á vaca, explicar como vive, de que vive e quen vive dela, e pór en valor o sector gandeiro galego, é a razón de ser da exposición O país das vacas, do fotógrafo Xurxo Lobato, que esta tarde se inaugurou no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Ademais do propio autor, no acto tamén interviñeron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o representante de Larsa,; o director de Progando, Xosé Turnes; e o presidente do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi.
A exposición, patrocinada por Larsa e que poderá visitarse en Santiago ata o 1 de abril, conta con 132 imaxes da autoría do fotógrafo coruñés que foxen do bucolismo para adoptar un carácter divulgativo que sitúa á vaca como referente do desenvolvemento rural. A mostra pretende contribuír con estas imaxes a que a cidadanía tome conciencia da riqueza económica e social que a vaca xera en Galicia.
Unha visión completa sobre o aproveitamento económico da especie, dende a tecnoloxía aplicada nas granxas, ata as vacas como obxecto de investigación nas universidades, que pasa pola a variedade de razas autóctonas, a industria láctea e a da carne, ou a gastronomía, e que se complementa cun tributo ao animal que é icona cultural galega. Así, aparecen na exposición de Lobato vacas de pasarela, pero tamén aquela vaca que Castelao cría merecente de estampar o papel moeda galego “como símbolo da nosa economía humanamente distribuída”.
A exposición, en módulos moi visuais, complétase coas reflexións que arredor da vaca fan recoñecidas firmas galegas, entre elas as de
Tras o seu paso por Santiago, a exposición poderá verse en Ourense, Vilagarcía de Arousa, Semana Verde de Galicia en Silleda, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Lugo.