“A fractura no PSdeG é irremediable”

Nace “Refundación Socialista” para crear unha “organización plural, de esquerdas" e traballar pola "construcción nacional” de Galicia. Quere captar a máis militantes socialistas descontentos.

Por Xurxo Salgado | Vigo | 20/02/2012

“A fractura do socialismo, ata agora integrado no PSdeG, é actualmente irremediable. Por iso non hai xeito de concibir a nosa continuidade nunha organización asfixiante que entende a política como unha facenda privada dunha elite afastada das bases”.  O grupo de socialistas que a pasada semana anunciou que deixaba o PSdeG ten claro que esta organización xa non é o futuro.
 
Por iso, ademais de renunciar a militar nesta formación, decidiron constituír unha xestora, á que denominan “Refundación Socialista”. Os seus obxectivos serán formalizar e coordinar a súa saída do PSdeG–PSOE e establecer contactos con outras forzas políticas para intentar construír, tal e como xa avanzou o GC a pasada semana, unha “nova organización ampla, de esquerdas, plural e cuxo centro de gravidade pivote no requisito imprescindible de que a nova estrutura que xurda sexa radicalmente democrática, aberta á cidadanía e conectada aos movementos sociais”. Outro dos seus fins será loitar pola "construcción nacional" de Galicia.
 
Reagrupar “toda a esquerda”
 
Este colectivo, integrado orixinalmente por preto de vinte persoas, pretende o reagrupamento de toda a esquerda e, especialmente, do socialismo democrático que sente que o PSdeG “xa non é a casa común dos socialistas”.
 
“Desexamos que outros militantes desenganados co actual proxecto defendido polo actual PSOE queiran impulsar connosco un movemento amplo, inspirado en experiencias históricas onde o socialismo democrático foi quen de articular sistemas avanzados e libres, apropiadamente axustados ao contexto actual e enriquecidos coas experiencias dos movementos cívicos e sociais antisistémicos e altermundistas, incorporando as novas formulacións xurdidas por mor da aparición do movemento indignado ou  outras moitas que agromaron nos últimos lustros”
 
Este conxunto de militantes insiste en que, durante os últimos anos tentaron impulsar un proxecto de rexeneración democrática e refundación do PSdeG que “nin se cumpriu nin se poderá cumprir no futuro”.
 
“Activar” aos militantes
 
Por iso, aseguran que a xestora que agora poñen en marcha ten como “prioridade” manter “activas e militantes” ao maior número de persoas socialistas na “crítica situación en que se atopa Galicia baixo as políticas aniquiladoras da dereita”. “Non podemos permitir que se desactive unha parte moi importante do socialismo democrático que se atopa fóra do PSdeG (as persoas que xa están fóra e as que aínda estivemos ata agora dentro) para darlle unha última oportunidade á rexeneración do proxecto socialista”, apuntan.
 
A primeira xuntanza desta comisión xestora tivo lugar hoxe. Dela forman parte Óscar Lomba, Marcial Martínez, Miguel Ángel Rodriguez, Alejandro Blanco, Delfina Álvarez, Adelaida Alonso e Puri Moure.