Calros Solla e o cartafol MazinGZ

Solla e o seu "MazinGZ" é a obra escollida esta semana por Armando Requeixo na que hai poemas con reminiscencias robóticas que "dinamitan" a "neoliberal mercadotecnia e a devastación antiecolóxica".

Por Armando Requeixo | Ames | 07/03/2012

Título: MazinGZ
Autor: Calros Solla
Editorial: Espiral Maior
Lugar de edición: Culleredo-A Coruña
Ano de edición: 2011 (outubro)
Páxinas: 72

Calros Solla, alias Koyi Kabuto, ciborg-poeta de última xeración, viaxou máis alá das Portas de Thannhaüser-Cerdedo para ver arder a patria en chamas autodestrutivas, contemplando brillar na escuridade os raios-c da ignorancia do espazo sideral da gobernanza pública alén e aquén de Orión-Padornelo. De todas esas bágoas que se han perder na chuvia da incomprensión, do amor robotizado pola inefable Afrodita A é testemuña MazinGZ, poderoso poemario co que o seu autor se fixo co XIV Premio de Poesía Johán Carballeira.

Solla acode ao vedraio recurso do manuscrito atopado para xustificar a transcrición dun caderno que Kabuto, piloto e compañeiro de angueiras do propio Mázinger, deixa escrito antes deste ser despezado definitivamente. Esta sorte de cartafol que se reproduce, significativamente achado “na necrópole ferrallenta dos ‘Desguaces Gil (Cabral-Vigo)’, preséntase baixo un rótulo tan descritivo coma rotundo: ‘Lume de ollos en MazinGZ. Versos dun autómata enconado”.

Facendo bo este último titulado, o que segue é unha sucesión de poemas nos que alterna o verso amatorio robótico-hilozoísta con outros textos de xorne máis declaradamente sociocombativo. Deste xeito, o binomio Kabuto-Mázinger —ser biface de complementaria proxección— adopta modalidades do canto que se presentan como refacturas irónico-paródicas da poética do amor cortés (“Mázinger Zeta,/ robot de propulsión híbrida (…) escribiu versos en maneira de proençal”), da literatura mística, da poesía do mar ou da escrita suicida, entre outros, sen deixar atrás as composicións de nidia denuncia da clase política (así nas series “Fazañas bélicas” ou “MazinGZ, azoute do crime organizado”) nas que non deixa lugar a dúbida sobre a fonte dos nosos males; para mostra un botón de aforismo metamorfeador: “Os corvos sodomizaron a pomba/ para renaceren gaivotas”.

En MazinGZ marabilla o despregue dunha imaxinería desusada, na que os corpos robóticos se aman mesturando efluvios oleosos, valvulinas desatadas e parafusos dentados que traban no pescozo das placas de metal adoradas e cortocircuítan a entreperna. Son, estas, landas dun Eros con banda sonora, que tanto pode vir da man da “Semilla negra” de Radio Futura coma do “Stand by me” de B. B. King en versión John Lennon, evocacións de paixóns entre enxeños que disparan mensaxes parabólicas de suxestiva e fonda lectura.

Mais, como se dixo, o libro ten tamén poemas napalm arrebolados para dinamitar a neoliberal mercadotecnia e a devastación antiecolóxica (no Ézaro ou na louca celulosa de Pontevedra, tanto ten), verbas contra a escravización das clases subalternas, o “Papa Doc (supermalvado)” e a loita entre “Mázinger Z versus Rátzinger XVI” e sempre, de fondo, o eco do mestre Celso Emilio, mais tamén a cita cómplice de Rosalía (“reghatos pequenos/ a miñar en rosalía”), de Castelao, do Che.

Na liña xa definida nos moi estimables Cerdedo in the Voyager I, Pan prós crocodilos ou Holocausto zacoe, este MazinGZ devólvenos ao mellor Solla das augasmestas do sentimental e o cívico, consolidando un territorio autorial de innegable atractivo e capacidade subversiva.