Os segredos do "Galicia en Coworking" desde dentro

Emprendedores, empresas e profesionais, moitos deles centrados na Rede, xúntanse na Coruña. O responsable de GC Tendencias, Paco Gallego, inscríbese, interactúa, proactúa, e relata a cita deste novo fenómeno, o cotraballo.

Por Paco Gallego | Centro Ágora - A Coruña | 17/03/2012

Solpor

Vai morrendo a tarde no Atlántico noroeste, por tras do Monte de San Pedro. O ceo pinta cores extraordinarias como Renoir, un impresionista. Levo catro horas participando como Paco Gallego no I Encontro Galicia en Coworking e toca lilapause, fumar un pito, ir repensando nas persoas que acabas de coñecer, nas que xa coñecías pero que levabas tempo sen ver e, sobre todo, nas que non puideches nin tan sequera saudar por falta mutua de tempo. "Son un novato e un torpe", díxenlles a varias. Nin sabía que habíamos de cubrir unha axenda de citas para a tarde e cheguei a peito descuberto. Fun agardando a que fallasen as citas doutros para enguedellarme eu no seu lugar. Saín ben parado. De feito, nin parei. Cousas que pasan na vida, que non programas ben -porque non levas unha axenda para levar a axenda ao día- pero que, sen embargo, saen logo a pedir de boca. Como aquel disco do David Bowie: "Hunky Dory". Ou como diría Mercedes Peón: "Marabilla"

Intro

Este primeiro encontro de coworking celebrado no noso país tivo como organizador e impulsor a Manuel García García, quen creou e difundiu esta cita a través da rede social/profesional Linkedin. Persoalmente non a coñecía, pero era necesario ter unha conta para inscribirse. Deime de alta e colguei, brevemente, a miña variada vida laboral. En teoría, debía cubrir unha especie de axenda indicando con que persoas das inscritas me gustaría contactar. Esquecín este paso, como vos dixen, en tanto as persoas avispadas chegaron con máis dunha ducia de citas pactadas. Disto se trata no coworking, citas cara a cara cada cinco minutos: catro para presentarse, un para buscar a nova cita e volta a comezar. Despois dunhas palabras do organizador, asistimos a dúas presentacións de empresas. Unha adicada á cultura e outra ao márketing. Foi boa a súa experiencia e, de feito, servía como guía para logo presentáreste ti. A fin de contas, o coworking (cotraballo) é unha maneira de traballar que permite que varios profesionais independentes de sectores distintos compartan unha misma oficina ou un mesmo espazo onde se fomenta a colaboración, o traballo nun espazo comunitario e multidisciplinario, e o networking (traballo en rede).

As citas

Todo moi bonito, pero primeiro hai que establecer contacto. Neste tolo mundo actual, con tanta e tanta sobreinformación online, a procura do contacto persoal comeza a ser unha opción sensata para o noso ultracompetitivo mundo profesional. A miña primeira cita forzada, in absentia dunha persoa inscrita pero definitivamente non aparecida, foi con Ruth Ríos, de Ferrol, unha xoven e moi agradable consultora de márketing e comunicación de Verbung Comunicación. Falounos de varias cousas, entre elas das dificultades para atopar empresas coas que traballar en Ferrol, así como dun obradoiro de imaxe persoal impartido por Ana Reyes. Na nosa quenda, faleille todo chulo da miña última burrada: unha falsa película documental danesa sobre unha banda coruñesa de heavy metal á procura dos seus soños en Madrid. Pareceu gratamente sorprendida. Cambio de cita. Sentamos con María, responsable da empresa de Oleiros Axente das Palabras, centrada no perfeccionamento da expresión oral e a comunicación. Non en van, María é actriz nada en Bos Aires. Pareceume moi interesante. Eu fun á miña teima con GC Tendencias, Lars von Paco , etc, etc...Parecín aburrila un pouco. Cambio de cita.

Tócame falar agora de dúas mulleres coas que xa coincidira a nivel profesional. Unha delas foi Rocío, de Luz Verde, empresa de eventos e comunicación. Coñecina cando se encargaba dos eventos que se organizaban en Palexco (A Coruña). Unha muller ultraprofesional que non tardou en establecerse pola súa conta e risco. Aí continúa grazas a esa profesionalidade que desborda. Gostei de vela. A outra sorpresa foi Marta, de Congrega. Outra empresa organizadora de eventos de todo tipo, deseño gráfico e todo o que faga falta...e máis aínda. Unha das súas especialidades son as actividades para nenos en grandes eventos comerciais tipo outlets ou nadal. Grazas á confianza preexistente falamos da familia, do guap@s que estábamos os dous e de canto tempo levábamos xa sen coincidir. Pese a iso, non se librou da miña chapa co GC e o cine Dogma (que cruz). Bicos e máis bicos e ata outra, como se adoita dicir. Unha crack, Marta. 

Este que nos mira e que me retrata coa súa nova cámara de vídeo dixital é un caso aparte. Jose Erre é Licenciado en Comunicación, actor e Master en Neurociencia (aí é nada). Todo relaciónase na súa vida profesional, asegúranos, e advírtenos de que é, probablemente, a persoa da Coruña con máis seguidores na súa conta de Twitter con diferenza: 17.459. Podedes lelo outra vez, que non estou errado. 17.459. "Isto non é mecánico ou casual, como comprenderás", díxome. "Se queres que che explique como fixen...xa sabes". Así é o traballo de Jose Erre. Quedamos, a verdade, moi pero que moi intrigados. Falarei con Xurxo Salgado, impenitente director deste medio, para ver se o fichamos de apoio ao noso Community (e de paso tomo notas para @GcTendencias). Entre cita e cita, nun dos luminosos corredores do Centro Ágora, tivemos tamén a sorte de coñecer a dous freelance unidos para o éxito: Jorge e Elvira. Tamén andaban sen citas, así que rimos un pouco e comentamos sobre as nosas esperanzas ou non de futuro laboral. Foi nunha destas cando conectamos con Dolores, de NovaCaixaGalicia. Pero iso é outro cantar.

Dolores, viguesa, é a responsable e representante no evento de NovaCaixaGalicia, que ela, insistentemente, separaba da actividade financeira coñecida hoxe como NovaGalicia Banco. O certo é que baixo ese confuso nome que inclúe a palabra "caixa" agóchase a actividade social-asistencial (e cultural) das antigas Caixa Galicia e Caixanova. Agora, contounos, cambiou o conto e deben buscar, como os demais, financiamento privado para as súas actividades. Falamos de comúns coñecidos na "casa" e bromeamos coa imaxe pública lastimosa que teñen os mundos das finanzas e da política, que ambos os dous coñecemos desde dentro. Tamén foi chistoso ensinarlle unha web internacional onde o noso documental estaba ubicado na etiqueta "vídeos Lars von Trier". Sumóusenos nese instante un rapaz moi agradable, Alberto Luengo, enxeñeiro informático, consultor de software, hardware, perito informático...etc, etc. Ten conta de Twitter. Con el discutimos sobre como se podería ubicar ben un vídeo profesional nun lugar como youtube, por riba de vídeos de gatos, borracheiras, tangas ou bebés dobrados como Freddy Mercury. A súa inmediata resposta xa nos deu unha pista sobre a súa valía: "Paco, é que igual youtube non é o lugar idóneo para ubicar ben un produto profesional". Toma xa. "Probei hai tempo con Dailymotion", dixen. "Mellor lugar, sen dúbida", respondeunos. Pequena conversa, gran consello. Dolores concordou totalmente. 

Xa para ir rematando, entrometímonos nesta conversa que vedes na foto de aquí enriba. Elas son dúas ex-traballadoras dunha grande empresa de interiorismo que pechou coa crise. No seu caso, responsabilizábanse do interiorismo hostaleiro. Decididas a continuar pola súa conta e risco, fundaron Proxectos F1. Parecéronme moi agradables e profesionais. O rapaz co que falan, Juan, de Santin.com, distribuidor de viños. Falei con el sobre a miña (primeira) experiencia de cata no Forum Gastronómico, que puidestes ler hai tempo, e coñecía ben a varios deses viños naturais e os seus responsables. O tema central da súa conversa xiraba arredor da necesidade que tiña Juan de ir introducindo elementos de apoio á venda dos seus produtos, tales como copas de viño especiais. Elas, evidentemente, ofertáronlle os seus deseños como unha forma máis de poñer en valor e potenciar a súa distribuidora. Moi interesante o posible acordo. Haberá que estar ao tanto.

The End

E así aos poucos fomos finiquitando a tarde. Apareceu alguén dun poderoso medio de comunicación para tirar unha ou dúas fotos con desleixo. Eu, ao meu. A coñecer desde dentro as entrañas deste cowork made in Galicia. Inside, indeed. Como debe ser. Como se debe facer. COMO PODEMOS FACER. 

Grazas a @GaliciaCowork @Gconfidencial @axitpop @GcTendencias @Certo @JoseErre @doloresdiz @centroagora @CONGREGA_BB @codigocero e todas e cada unha das persoas que me aguantaron a chapa durante catro interesantísimas horas. E que conste que varias delas xa escoitaran falar do meu documental!!!! Moi apropiado onte, xa que coincidimos coa exposición "Arde a rúa" sobre tribos urbanas. Aí queda unha imaxe para vós. Xa sabedes onde atoparnos: tendencias@galiciaconfidencial.com.  Nin máis nin menos, nin menos nin máis. E que saibades que comentamos este evento en directo desde o noso twitter @GcTendencias. Para a próxima, xa sabedes...

Este son eu. Á rapaza non a coñezo. ;) Creo.