A "Caravana Vilamor" inicia a promoción da longametraxe de Ignacio Vilar

A promoción da película Vilamor, de Ignacio Vilar, arrincou este sábado nos cines As Termas de Lugo cunha proxección do filme que foi encontro para o equipo técnico e artístico da película, os seus familiares e os medios de comunicación.

Por Paco Gallego | Lugo | 20/03/2012

A película "Vilamor" estréase o vindeiro 30 de marzo en Lugo e logo proseguirá o seu percorrido por cines de toda Galicia cunha estrea cada venres, ata o 16 de maio. Ademais esta presenza dos cines acompañarase coa xira promocional da Caravana Vilamor, na que Ignacio Vilar e os actores principais (Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez) percorrerán nunha furgoneta máis de 250 institutos e asociacións culturais e deportivas de toda Galicia para dar a coñecer esta película. Tamén haberá ‘festas Vilamor’ nas principais cidades, nas que se venderán entradas para o cinema, e sorteos e agasallos nos principais eventos deportivos do país.

Con esta xira promocional quérese demostrar que o cine galego pode ser tan comercial coma outro calquera, se se vende axeitadamente, e preténdese repetir e ampliar o éxito que xa tivera no 2008 a película Pradolongo, de Ignacio Vilar, cunha estratexia similar. Para iso activaranse unha serie de mecanismos de mercadotecnia diversos, en colaboración con empresas galegas.

A gastronomía, por exemplo, vai ter un papel moi importante, xa que Vilamor é unha película moi apegada á terra e aos seus produtos. Haberá un menú Vilamor, recreado polos chef do restaurante Pepe Vieira - A cova da serpe (grupo Nove), que inclúe caldo galego, chourizo de cabaza e porco celta, empanada de costelas e outros produtos do país. Ese menú puido degustarse hoxe na primeira presentación de Vilamor. Ademais, os actores aparecereon lucindo as camisolas que creou para a ocasión a marca Rei Zentolo, que inclúen algunhas frases da película. E tamén se agasallou mel de Galicia, relacionado cunha das actividades económicas principais que se desenvolven na comuna de Vilamor.

Á marxe destas accións, en internet e nas redes sociais estase realizando tamén unha forte campaña de comunicación para atraer a xente máis nova a ver a película, e prevese que a película teña continuidade na rede co proxecto transmedia ‘Explora Vilamor’, que incluirá unha aplicación xeoturística para web e móbiles coa que se poderán visitar os lugares onde están localizadas as principais secuencias da película. Vilamor é a cuarta longametraxe de Ignacio Vilar, que despois da exitosa Pradolongo volve recrear unha historia local, baseada en feitos reais, contada en galego e con actores, actrices e todo o equipo técnico do país. Está baseada na historia real da comuna de Foxo, en Negueira de Muñiz, que foi ocupada nos anos 70 por mozos e mozas de toda Galicia na busca dun modo de vida acorde aos seus ideais de liberdade e amor pola natureza.

No filme os actores protagonistas son Rubén Riós, que encarna a Breixo, un mozo seminarista que sente curiosidade pola vida da comuna que se acaba de instalar ao pé da súa vila, e os debutantes Sabela Arán (a comuneira Sonia, que namorará a Breixo) e Xoel Yáñez, que interpreta a Hermes, un rapaz de boa familia que deixa as comodidades pola vida no campo e o cultivo de prantas que aumenten as súas experiencias psicodélicas. Canda eles, un grupo de 14 homes e mulleres que encarnan o espíritu dos comuneiros, cun feixe de actrices e actores novos aos que se lles empeza a chamar ‘Xeración Vilamor’.