A Rede do Rural chama a traballar en conxunto para atallar o desmantelamento da escola rural

O colectivo reivindica a necesidade de manter toda a oferta educativa formal no rural, tanto de Educación Infantil e Primaria, coma de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/07/2019 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural vén de realizar catro xuntanzas provinciais nas localidades de Tui, Allariz, Compostela e Lugo para debater a próxima supresión de unidades escolares, servizos e prazas docentes nos centros de ensino rurais galegos de cara ao curso escolar 2019-20.

Comedor escolar
Comedor escolar

Durante estas xuntanzas púxose en evidencia a existencia de mobilizacións da comunidade educativa contra a supresión de escolas e servizos, que ao realizárense unicamente con carácter local, non transcenden a todo o país. Apelan entón a traballar en rede e xeralizar as protestas, porque tamén este é un "problema xeneralizado" que, "máis tarde ou máis cedo, afectará a moitas localidades de tamaño demográfico reducido ou medio". 

Dende a Rede do Rual están a desenvolver estratexias para divulgar o labor da Rede e destas comunidades educativas, para que estes temas acaden "a transcendencia pública que merecen". Instan, deste xeito, a que a oposición á supresión de unidades e servizos na zona rural teña unha maior visibilidade.  

Afirman, ademais, a necesidade de ligar todo o labor de reforma da política educativa para o rural coa idea de desenvolvemento rural sustentable: "non hai escola no rural sen rural, é dicir, sen xente vivindo no rural e do rural con vocación de permanencia", sentenzan. Novamente constatan a necesidade de manter toda a oferta educativa formal no rural, tanto de Educación Infantil e Primaria, coma de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. 

Sabedoras de que en cada centro ou localidade existen problemas particulares dentro da problemática xeral que padece o rural galego, a Rede do Rural ponse a disposición das comunidades rurais para procurar canalizar as súas demandas, aspiracións e expectativas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta