Galicia constrúe a maior plataforma mariña flotante do mundo

O aeroxerador, fabricado en Fene por Navantia-Windar, mide case 200 metros e será colocado a trinta quilómetros da fronteira con Galicia, fronte a costa de Viana do Castelo. Xenerará enerxía para abastecer a 60.000 fogares.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 22/07/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Galicia acaba de construír o aeroxerador máis alto creado ata o momento en todo o mundo. Cunha altura de 190 metros, esta plataforma flotante que fabricou Navantia-Windar, no marco do proxecto Windfloat Atlantic, converteuse nun fito para a historia da eólica mariña. A turbina MHI Vestas de 8,4 megawatts de potencia é a maior xamais instalada sobre unha plataforma mariña. 

Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A
Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A | Fonte: Windplus

A fabricación desta primeira plataforma WindFloat foi culminada con éxito a semana pasada en Fene, pero a conexión de ambos os extremos -aeroxerador e plataforma- e as tarefas de preparación para abordar as operacións mariñas que veñan a continuación, terá lugar ao longo das próximas semanas no peirao do asteleiro. 

O enxeño eólico quedará situado finalmente a uns vinte quilómetros da costa de Viana do Castelo, ao norte de Portugal, e a un trinta quilómetros da fronteira con Galicia. A plataforma flotará sobre augas cuxa profundidade alcanzan os cen metros e onde o recurso eólico é abundante.

O proxecto pertence ao consorcio Windplus, que é propiedade conxunta de EDP Renováveis (54,4%), Engie (25%), Repsol (19,4%) e Principle Power Inc (1,2%). As tres turbinas eólicas que integrarán o parque serán subidas a outras tantas plataformas flotantes que quedarán ancoradas ao leito mariño. En total, o parque contará cunha potencia de vinte e cinco megawatts (25 MW), capacidade suficiente -segundo informa Principle Power-- como para xerar a demanda anual de electricidade de 60.000 fogares.  O proxecto é apoiado por entidades públicas e privadas e conta co financiamento da Comisión Europea (a través do programa NER300), o Goberno de Portugal (non así o español) e o Banco Europeo de Investimentos.

PORTUGAL, PIONEIRA

Portugal está sendo pioneiro na produción de enerxía eólica mariña. De feito, o proxecto WindFloat 1 desenvolveuse fronte á costa portuguesa, preto de Aguçadoura, e foi conectada á rede a finais de decembro de 2011. Segundo EDP, o proxecto, que constituíu "o primeiro despregamento eólico en alta mar en todo o mundo que non requiriu do uso de equipos de carga pesada mar dentro, supuxo a instalación da primeira turbina eólica no Atlántico en augas abertas". 

PROXECTOS GALEGOS

Tamén en Galicia, a idea de instalar parques eólicos nas súas augas segue collendo forza. Son xa varias as propostas e diversos os estudos técnicos, medioambientais e económicos publicados nos últimos meses sobre o potencial de Galicia para explotar enerxía eólica mariña e as vantaxes que estes parques ofrecerían. A última proposta vén de investigadores dos departamentos de Química e de Enxeñaría Naval e Industrial da Escola Politécnica Superior da Universidade da Coruña (UDC), en Ferrol

Neste caso, os expertos céntranse na análise da influencia económica do tamaño dos parques eólicos mariños flotantes, propoñendo a instalación dun en Galicia, "onde o recurso eólico é óptimo para este tipo de tecnoloxías", xa que "esta rexión conta cos mellores valores de velocidade eólica mariña da Península Ibérica", salientan os autores do estudo. Tamén hai quen propuxo crear a primeira granxa de ondas do mar en Burela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta