"Como se pode estruturar un partido, unha fronte e un movemento social?"

EI, +G e Ecogaleguistas debaten sobre o futuro dun novo proxecto político que nin será unha fronte nin un partido clásico senon o que a xente "queira que sexa". “Eu son máis leninista que Paco Rodríguez”, asegura Beiras.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 24/03/2012 | Actualizada ás 10:51

Comparte esta noticia

“Como se vai a organizar a futura nova esquerda galega?”. Esta foi a sinxela pregunta formulada por un estudante aos líderes de EI, +G e Ecogaleguistas, tres dos principais grupos que nas últimas semanas tiveron contactos formais e informais para proñer en marcha un novo proxecto político, reunidos nunha mesa redonda en Santiago.

None

 

“Que fórmula é a máis axeitada se un aposta por unha fronte, o outro por un partido clásico e o outro por un colectivo cidadán?”, insistiu o rapaz. Unha pregunta que fixo reflexionar, e moito, a Xosé Manuel Beiras, Xoán Báscuas e Manuel Dios, os representantes de EI, +G e Ecogaleguistas, respectivamente, sin que, ao final, se chegara a unha resposta conxunta. “Serán as conversacións que manteñamos e o que digan os cidadáns o que o acredite”, apuntou Beiras.

 

E é o coordinador de EI quixo deixar moi claro que el agora xa non fala de “frente”. “Iso era cando estabamos dentro do BNG”. “Pero, que facer para manter a pluralidade política nunha organización na que só hai individuos?, como os estruturas a todos?”, preguntouse o veterano dirixente. “Pois serán as correntes ideolóxicas e a práctica de traballar o que o decantará pero sen facer apriorismo”, respondeuse.

 

Beiras insistiu que serán as conversas entre todos os grupos os que determinen se o futuro espazo será “socialdemócrata, trosquista, galeguista, soberanista, nacionalista” ou “leninista”. “Eu son máis lenista que Paco Rodríguez, pero non se trata de meter o lenismo na práctica politica”, indicou.

 

Pola súa banda, Manuel Dios entende que o frontismo “xa está superado” porque naceu non momento histórico concreto “que xa non está vixente”. “Por iso falamos dunha alianza de base ampla; ben de tipo electoral ou ben un modelo novo, que é o que buscamos, como é o de Amaiur ou L’Olivo en Italia”, engadiu.

 

Tamén Báscuas botou man do mesmo exemplo en Italia e en Euskadi para indicar que o “máis importante non son as ferramentas”. “As estruturas partidarias tradicionais xeran distancia co cidadán. Por iso, o problema non está na estrutura senón en como nos retroalimentamos uns dos outros”, aclarou.

 

Relación co BNG

 

Ningún dos tres dirixentes ten especial interese en afondar nas feridas abertas dentro do nacionalismo galego. “Non vou falar de relacións co BNG. Eu estou fora. Como reaccione o BNG traeme sen coidado. Non me podo preocupar do que fará o BNG porque xa cando estaba dentro negaban as doenzas e agora pensan que es un desleal. Hai xente moi normal da U e doutros que son uns bestias”, respondeu Beiras sobre esta cuestión.

 

Tamén Báscuas insistiu na mesma idea. “Para min o BNG deixou de ser BNG. Eles poden facer o que queiran e nós faremos o que teñamos que facer”, dixo e, para superar iso apelou á “pedagoxía”. O máis importante, agora, dixo, é a interlocución coa cidadanía para que entenda que existe un novo proxecto.

 

“O noso adversario político é a dereita e non o BNG. Por iso non debemos mirar para nós mesmos porque fracasaremos e temos que ofertar un proxecto novo”, engadiu Manuel Dios.

 

Modelos

 

Sobre o proxecto Ecogaleguista, Manuel Dios sinalou que “non é un partido clásico ou tradicional”. “Nin sequera queremos ser un partido”, dixo sobre este movemento, cuios militantes “non veñen do BNG”, puntualizou.

 

Neste sendo apuntou que este proxecto se organiza a través de xestoras e “non hai líderes” e que pretende “transformar a esquerda”. Dios destacou a importancia dos movementos sociais, do 15M e da plataforma Bencomún. “Hai moita xente da esquerda desorientada coas actuas plataformas políticas porque non se sinten representados polas forzas tradicionais”.

 

Sobre os seus principios indicou que son “neogaleguistas”, “ecogaleguistas”, “antimonopolistas”, defenden a “soberanía nacional” e un “país de todos e todas”, a actuación en rede, buscar “novas formas de entender a política” e a recuperación da “ética civil”.

 

“Propugnamos a cooperación política máis que a guerra politica e por iso propoñemos o diálogo e a concordia. Non queremos reeditar o frontismo senón unha formación con base social ampla”, destacou.

 

+G

 

“Eu teñome por unha persoa sensata e mesmo acobardada, pero o que si teño claro é estar en algo que ti podes construir de cero e non onde non te queren”, dixo Xoán Báscuas para dar conta dos últimos acontecementos deste novo partido que decidiu escindirse do BNG hai unha semana.

 

Sobre os seus obxectivos; nacionalismo, autodeterminación, superación do ámbito autonómico, socialdemocracia e defensa do estado de benestar. Báscuas sinalou que agora +G está tentando organizandose nas comarcas e por iso, dixo, que a moitos cargos municipais se lles está dando unha “cobertura legal”.

 

Tamén apostou por achegarse á cidadanía “coñecendo as súas necesidades e demandas” cun discurso “suficientemente flexive” para que “caiban todos”. “Só imos ter unha única oportunidade e é responsabilidade de todos os que teñen capacidade de decisión de aproveitar esa oportunidade e todos teñen que ser xenerosos, flexibles e intelixentes”.

 

Báscuas suliñou que non houbo conversas formais, nin acordos previos con ningunha outra formación para artellar un novo espazo político. “Será a partir do 31 de marzo cando analizaremos todo isto”, aclarou. E sobre o modelo a elixir, descartou a fronte para evitar “novos partidos guías”.

 

Encontro Irmandiño

 

Pola súa banda, Beiras destacou o interese que bule por crear “algo novo”. “Estamos ao final dun ciclo histórico”, indicou. Por iso, defendeu que parte da esquerda galega se teña “reorganizado” para evitar “manter unha alcaldía, unha concellería ou un curre no aparato do partido”.

 

“Chegamos a conclusión de que non era posible de refundar o BNG desde dentro e por iso decidimos facelo desde fora”, sinalou. “Facía falta coraxe política e moral”, sinalou en alusión ao alcalde de Teo, Martiño Noriega. “É xente que tiña responsabilidades nun concello e que se botou á piscina sabendo que ían ser represaliados polo aparato que son como os machistas, mallan no máis débil”.

 

Beiras insistiu en que para facer política hai que estar coa xente e na sociedade e “non desde un despacho”. “Por iso cando fala Pachi Vázquez, Guillerme Vázquez, Frijol ou Rubalcaba ou Rajoy, que parecen personaxes do Greco, pois falan en chinés para a xente”, ironizou.

 

Por iso, dixo, faise necesario promover unha dinámica civil para que a xente se organice. “Hai que volver saber ler a Marx, a Lenin, aos que inspiraron as revoltas sociais... e mesmo aos galeguistas, aos que fundaron o Partido Galeguista”, insistiu ao falar sobre este novo proxecto que xire en torno á esquerda.

 

Así apostou por grupos de bases sobre os que pivote un futuro proxecto político sempre desde o principio da “cooperación e non o da competición”. “E promocionamos isto pero sen tentar monopolizalo. Non queremos pratos precociñados”, insistiu sobre este novo espazo. “Non se trata de conservar oligopolios que uns conservan nas finanzas e outros no ámbito político”, dixo ao referirse, novamente, á UPG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 134 comentarios

19 Pasácheste

Especialmente reprobábel o último exabrupto de Beiras, comparando a violencia de xénero con o feito de que se lle pida a entrega da acta ao seu sucesor. Mesianismo é antiético con democracia e respeto.

1 Larchán

Tes toda a razón, agora o mesianico Beiras botaralle a culpa a Paco Rodriguez.

2 Hipócritas!!!

Non foi só Beiras quen empregou a imaxe da violencia machista; tamén Bieito Lobeira, voceiro do BNG antes e agora, comparou en maio de 2010 a Jesús Vázquez cun maltratador: http://www.farodevigo.es/galicia/20...–jesus-vazquez-maltratador/438264.html

18 Hugo Chivas

Adiante xa coa República Beiriana Galega!!!!!!

17 mansdodemo

Non fagades caso dos agoireiros......O máis importante é que haxa un gran respecto a tódolos que desexan formar parte do novo proxecto político, e unha boa, clara e sinxela interlocución coa cidadanía para que esta entenda o que se pretende facer. A pedagoxía xunto o sentido común, son de gran interés no nacemento e na crianza desta nova criatura. FORZA.....e ADIANTE.

1 mansdodemo

Penso eu.

2 Marat

O respeto empeza por un mesmo.

3 mansdodemo

Marat, e ti que entendes por respecto?.

4 Marat

Con respecto a qué? Respeto é a xusta valoración que todo debe ter. Coido que Beiras en primeiro lugar non se respeta a si mesmo. Non se respeta a si mesmo por ese víctimismo interesado que lle fai facer cousas tan abominables e rexeitables como faltarlle ao respeto as víctimas de xénero ao comparalas a sua suposta situación persoal.

16 pinchorla

Vaia parece que non saben contestar a unha pregunta tan sinxela como a que lles fan, e cada un diserta sobre cuestións básicas que calquera sabemos,quédome có de "grupos de base" e desde o "principio da cooperación e non dacompetición".Pois teñeno claro, non teñen de momento discurso no que basearse,mezclan ecos, esquerdas,dinámica civil,nacionalismo, galeguismo, e básicamente seguen o discurso de non repetir un bng.En calisquer caso vese que xa hai "xerencia" máis non a queren ter.En fin veremos como acaba a cousa e si lles sae ben.Eu en principio son un escéptico.

1 v7q4

Pero home traballa algo, pensar en círculo non che é bo

2 Aristóteles

Hai a quen lles gustaria que das conversas que están mantendo os diversos grupos que deixaron o BNG sairan notiias no senso de que andaban a paus entre eles. Como non é así, como están facendo as cousas con calma e sentidiño parece que non gusta; pero, tranquilos. O que saia sairá e será nese momento cando poderemos opinar da conveniencia de facelo así ou doutra maneira. Opinar sobre algo que está en "pelotas" resulta ridículo. Son todos avezados no eido político; saben de onde saen e, como resulta lóxico, non van tropezar outra vez na mesma pedra.Teñamos fe nos homes e mulleres galegos/as que están buscando fórmulas políticas válidas que non reproduzan error anteriores. Con iso xa temos bastante. Logo seremos nós , os de a pé, non do PP, quen amoblñemos o edificio que se está erguendo. Agora só hai os piares a medio construir.

3 pinchorla

Tedes que perdoar, eu opino sobre o que pon a nova e é o que leo,¿ou non?, semella un "totum reolutum".Por certo que os "grupos de base" xaé vello tamén con outro nome. A estas alturas vitais miñas, non me pidades que traballe, inda que o estou facendo para a Folga Xeral o meu xeito.Si a cousa está en pelotas non o sei,pero que saibas que si estiben na miña parroquia nun acto Irmandiño con Beiras a un mes +ou- de Amio. E si son dos que andan en circulo, máis está aberto, e é por iso que son escéptico,vamos que non fun nin son de piñón fixo como moitos que por aquí andan. En todo caso apuntadesos dous mal.Para min o enemigo está no Goberno e require contestación rápida dada a situación. P.D. Por certo que na nova non se dí nada da Folga Xeral.Lembro con Beiras que hai que saber ler a Marx e Lenin, aos que inspiraron as revoltas sociais e aos nosos Galeguistas e Nacionalistas.

15 xornalista

Non lle deades moitas voltas. A situación é a seguinte: Cuíña, Táboas, Nogueira e Beiras teñen acordo. +Galiza sumarase a el. Non contan con Causa Galiza, e non haberá achegamento a IU. Será un partido de corte tradicional co eixo na esquerda socialdemócrata.

1 Carlos Moure

Por fin un que sabe do que se fala.

2 Ilusionado

Pois se é así, au anótome.....E non son militante de nada, por non irn nin sequer vou votar, peri iso gústame....ADIANTE!!!!

3 Artús

Qué clase de xornalista mais despistado que ignora que Nogueira rexeita sair do Bloque, e está a espera de entrar na executiva. Ese é xornalismo barriga agradecida ó xeito de Interlobotomía.

4 Xornalista

Nogueira...Martiño... Camilo é moi respectable, mais xa non está no campo de xogo...

5 Caiño bravo

Nogueira non, Noriega!!