Fiscalía e colexios médicos coordínanse para perseguir como delito as agresións a persoal sanitario

Trece médicos galegos denunciaron o ano pasado sufrir unha agresión física, segundo os datos das organizacións médicas.

Por Europa Press / Redacción | | 22/07/2019 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, e os presidentes dos Colexios oficiais de Médicos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra asinaron este luns o convenio de colaboración que ten como obxecto coordinar os esforzos para combater e perseguir como delito estas agresións físicas ou verbais a facultativos.

"É un mecanismo para axilizar procedementos e estimular as denuncias", asegurou en rolda de prensa o fiscal superior sobre o protocolo que se implantará en Galicia e que resulta "moi similar" aos postos en funcionamento noutras comunidades autónomas como Madrid, Valencia ou o País Vasco.

O convenio establece un protocolo para facilitar a actuación inmediata no caso de que se produza un incidente violento contra un médico. Para iso, o médico obxecto da agresión deberá dar a coñecer o caso ao seu correspondente Colexio de Médicos, desde onde se procederá a presentar unha denuncia ante a Fiscalía para que sexa esta quen se encargue de abrir as oportunas dilixencias de investigación penal e, en caso de estimar que existen indicios suficientes de delito, levar o asunto ante o xulgado de instrución.

ATENTADO CONTRA A AUTORIDADE

Ademais, este convenio outorga preferencia a este trámite antes que á presentación de denuncia directamente no xulgado ou na policía, co obxectivo de evitar duplicidades. A reforma do Código Penal de xullo de 2015 contempla as agresións a sanitarios que traballan no sector público como delito de atentado contra a autoridade.

Neste sentido, o convenio especifica que todo atentado ou lesións que dea lugar a un procedemento por delito grave ou menos grave, terá consideración de delito público, o que implica penas máis severas.

Os presidentes dos Colexios Médicos coincidiron en destacar a "dificultade" existente á hora de contabilizar as agresións, posto que moitos profesionais non chegan a denunciar o ocorrido.

500 CASOS REXISTRADOS E 13 DENUNCIAS

En calquera caso, o ano pasado os Colexios de Médicos rexistraron 13 denuncias por agresións físicas entre os facultativos galegos. Uns datos que contrastan cos máis de 500 casos rexistrados polo Sergas en 2018, "o dobre" se se comparan cos rexistros de 2016.

Segundo lembrou o presidente do Colexio oficial de Médicos de Ourense, José Luís Jiménez, os datos que manexan os sindicatos apuntan que "1 de cada 3" facultativos sufriu algún tipo de agresión o último ano. A maior parte das agresións prodúcense no sistema público de saúde, o 50% teñen lugar en Atención Primaria e 1/3 en Urxencias.

En canto ás causas principais dos casos de violencia, o 46% de produciron debido a discrepancias na atención médica, o 11,4% polo tempo en ser atendido, o 11,1% por non recetar o proposto por paciente ou o 10% en relación á incapacidade laboral.

Persoal sanitario
Persoal sanitario

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta