Denuncian que o Concello de Vedra vendeu a prezos moi baixos un tractor e unha furgoneta a familiares do PP

“O fraudulento proceso estivo pragado de graves irregularidades”, denuncia o voceiro do BNG Pose Rodríguez.

Por Galicia Confidencial | Vedra | 22/07/2019 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O portavoz municipal do BNG de Vedra, Pose Rodríguez, interpuxo un recurso extraordinario contra o decreto do alcalde que permitiu a venda dun tractor John Deere e unha furgoneta Citroën C15 a familiares  do PP, sen informes, sen publicidade e favorecendo a membros do seu partido.

Tractor que o Concello de Vedra vendeu, segundo o BNG, de xeito fraudulento
Tractor que o Concello de Vedra vendeu, segundo o BNG, de xeito fraudulento | Fonte: BNG

“O fraudulento proceso estivo pragado de graves irregularidades”, denuncia Pose Rodríguez nun comunicado. Así, suliña que no caso do tractor, que estaba en perfecto estado de uso, foi vendido por un importe de 1.700 euros, cando o valor estimado no mercado é de 6.000 euros. O comprador foi o irmán do concelleiro electo de Boqueixón e número dous das listas do PP, e foi adquirido para realizar labores na granxa da súa propiedade, estando na actualidade en uso na súa explotación. O Comprador da furgoneta foi outro veciño de Boqueixón, cuñado do anterior, e valeulle 300 €.

“Esta venda fraudulenta fíxose sen incoar un expediente de desafectación e sen dar conta ao pleno da corporación municipal. Non se fixo valoración dos vehículos por parte dun experto. O tractor non foi dado de baixa, a pesar de ser declarado inútil polo alcalde e estar a funcionar nunha explotación gandeira de Boqueixón desde o día seguinte”, critica Rodríguez.

Ademais, o BNG di que o alcalde falseou o expediente de venda dicindo o 14 de febreiro que había unha oferta presentada, cando ese día non había ningunha, xa que a oferta presentada foi realizada catro días despois.  Por iso, insiste en que o proceso “fíxose as agachadas”, sen lle dar publicidade e sen poñelo a exposición pública tal como indica a lei.

“O proceso non é mais que un agasallo baixo corda de bens municipais a empresarios próximos ao PP, un escándalo que demostra unha vez máis o nivel de corruptelas que rodea dende fai nove anos a xestión do actual alcalde Carlos Martinez Carrillo”, concluíu Rodríguez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta