O plan de transporte público duplica a cobertura territorial de hai tres anos

A información pública desde este martes 28 contratos que afectan sobre todo a Pontevedra e A Coruña e que completan o mapa galego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2019 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

O 58% das liñas do segundo bloque de contratos do plan de transporte da Xunta (701 de 1.206) inclúe a modalidade de compartido, mentres que o 52% delas (627) contempla o servizo baixo demanda.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presentou en rolda de prensa os 28 contratos que este martes comezan o proceso de información pública. Os interesados dispoñen de prazo ata o 23 de agosto para presentar alegacións.

Vázquez reivindicou que a Xunta destinará case 730 millóns de euros durante a próxima década a soster o sistema de transporte público, "que duplicará a súa cobertura territorial a través de máis de 3.100 liñas de autobús".

O mapa de liñas de autobús que empeza a información pública completa a renovación do 100% do transporte público galego: 28 contratos que afectan sobre todo as provincias de Pontevedra e A Coruña e que abarcan un total de 1.206 liñas de autobús que percorrerán 32,2 millóns de quilómetros cada ano.

Estas súmanse ás 1.900 que forman os 100 contratos centrados nas provincias de Ourense e Lugo e que xa se atopan en proceso de adxudicación.

DUPLICAR A COBERTURA

Desa forma, tal e como sinalou a conselleira, en total, o plan de transporte público de Galicia suporá 61 millóns de quilómetros de servizos de autobús cada ano, o que significa máis que duplicar a cobertura territorial existente hai tres anos, cando se iniciou esta renovación.

"Desta forma, o 97% da poboación de Galicia pasará a contar cunha parada de transporte público a menos de 1.000 metros de distancia do seu domicilio", destaca a Xunta. "O transporte público por estrada vai dar mellores solucións de mobilidade e o dobre de solucións de mobilidade que o que se daba hai escasos tres anos", resaltou Vázquez.

Das 1.206 liñas de autobús, nun total de 701 será posible aproveitar os asentos baleiros do transporte de escolares. Así, cando a renovación dos servizos estea en marcha, o 50% dos escolares con transporte en Galicia serán atendidos con autobuses compartidos, de acordo cos cálculos da Xunta.

Do mesmo xeito, os novos contratos tamén inclúen a modalidade de servizos baixo demanda, que está incluída en 627 liñas. Trátase de expedicións ou paradas con baixa ocupación nas que se vai permitir que o autobús ou o taxi só preste servizo cando estea asegurado que vai haber pasaxeiros.

1.200 EMPREGOS E 56 MILLÓNS AO ANO

En relación cos postos de traballo, estas liñas de transporte mobilizan un total de 1.200 empregados, dos cales a terceira parte son condutores e o resto monitores acompañantes. A este respecto, a titular de Infraestruturas destacou que as cláusulas sociais do total do plan de transporte público "ofrecen todas as garantías para un mínimo de 3.182 postos de traballo directo".

A nova fase está composta, como a anterior, por contratos cunha vixencia de 10 anos e, neste caso, prevén un volume de negocio de 56 millóns de euros ao ano, dos cales o 41% correspóndense con achegas da Administración autonómica.

Vázquez lembrou que nos contratos do primeiro bloque a achega económica da Xunta supuña o 80% do total e neste segundo baixa ata o 41% como consecuencia, dixo, de que nas liñas das áreas máis urbanas o peso dos ingresos por venda de billetes é maior que no rural.

"É dicir, que o transporte no rural galego non pode sosterse economicamente coa venda de billetes e, por tanto, a Xunta realiza un maior esforzo económico para blindalo", subliñou.

Parada d'autobús. EUROPA PRESS - Arquivo
Parada d'autobús. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta