Organizacións galegas apoian a Folga Mundial polo Clima

Máis de 100 organizacións do Estado instan á cidadanía a sumarse á protesta para salvar o planeta, entre elas, Verdegaia e a Plataforma Mina Touro O Pino Non.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2019 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

"En defensa do futuro, dun planeta vivo e dun mundo xusto", máis de cen organizacións e colectivos da sociedade civil no Estado español instan á cidadanía a apoiar e sumarse á Folga Mundial polo Clima do próximo 27 de setembro.

Os máis novos protestan contra o cambio climático e piden ecoloxismo
Os máis novos protestan contra o cambio climático e piden ecoloxismo | Fonte: © Miguel Núñez

As organizacións asinantes piden que "se declare de maneira inmediata a emerxencia climática" e "se tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións netas de gases de efecto invernadoiro".

"As institucións, os Estados e as empresas deben escoitar á cidadanía e ás organizacións que esixen un novo modelo socioecolóxico que non comprometa a supervivencia da vida tal e como a coñecemos", argúen.

Até agora son máis de cen as organizacións que xa mostraron o seu apoio en España á convocatoria de Folga Mundial polo Clima do próximo 27 de setembro, entre elas, as galegas Verdegaia e a Plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non.

Os convocantes aluden a "recentes informes sobre o estado da biodiversidade do IPBES, que sinalan que preto dun millón de especies entre animais e plantas se atopan ao bordo da extinción como consecuencia das actividades humanas, e do informe do IPCC sobre o incremento da temperatura media global en 1,5 º C, alertan da deterioración dun gran número de ecosistemas, tanto terrestres como mariños así como do punto de non retorno fronte ao cambio climático".

Alertan de que "a humanidade se enfronta a un dos seus maiores retos", a "crise climática",  que é "consecuencia", din, "do modelo de produción extractivista e consumo globalizado actuais, que pon en risco nosa propia supervivencia e a dun gran número doutras especies e ecosistemas e impacta de maneira inxusta especialmente nas poboacións máis empobrecidas e vulnerables do mundo". 

É por isto que piden actuar com "rapidez e contundencia" para evitar "a morte e/ou o malvivir de millóns de persoas, ademais da extinción de moitas especies e mesmo de ecosistemas completos".

"As diferentes institucións europeas, estatais, autonómicas e locais deben asumir a súa responsabilidade e estar á altura das necesidades que esixe este momento crucial da historia. A loita contra a emerxencia climática non pode supeditarse a unha ideoloxía ou cor político, debe ser asumida por todos os partidos", explican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta