Empresa e sindicatos asinan un acordo que pon fin á folga no transporte de residuos sólidos a Sogama

O paro durou 101 días e agora o acordo terá unha vixencia de cinco anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2019 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Transportes Pacholo e o comité de empresa asinaron un acordo que pon fin á folga de 101 días mantida no servizo de transporte de servizos sólidos a Sogama desde mediados do mes de abril.

Sogama. CIG
Sogama. CIG

Segundo informa a compañía, subcontrata maioritaria do transporte por estrada á planta de Sogama de Cerceda (A Coruña), o acordo alcanzado ten unha vixencia de cinco anos e substitúe ao convenio actual, que terminaba en decembro de 2020.

Os sindicatos lograron que a compañía acepte a readmisión dos oito condutores despedidos, que serán recolocados antes do próximo 31 de decembro sen que se produza "un incremento do persoal que o servizo non requira", indica a empresa.

Ademais, o novo convenio, que terá validez ata finais de 2024, establece aumentos salariais progresivos entre o primeiro ano e o último.

Así mesmo, en virtude do pacto, os traballadores acordan renunciar aos procesos xudiciais abertos. Deste xeito, empresa e sindicatos comprométense a abrir un período de "paz social" que poña fin ás tensións vividas desde o ano 2016.

Así as cousas, o acordo alcanzado este mércores pon fin a unha folga que durou 101 días, desde o 15 de abril deste ano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta