A mítica compañía teatral La Cubana trae a súa comedia 'Adiós Arturo'

A obra será representada no Teatro Afundación de Vigo catro días seguidos, do 26 ao 29 de setembro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/07/2019 | Actualizada ás 08:26

Comparte esta noticia

A mítica compañía teatral La Cubana chegará ao Teatro Afundación de Vigo presentando a súa nova proposta, Adiós Arturo, unha tola comedia na que non faltan os tres ingredientes que caracterizan á compañía: a participación do público, as sorpresas e moito humor. Poderase ver o xoves 26 de setembro ás 21.00 h, o venres 27 de setembro e o sábado 28 ás 18.00 e ás 22.00 h, e o domingo 29 de setembro ás 18.30 h. As entradas xa están dispoñibles na web Ataquilla.com, de Afundación.

A compañía teatral La Cubana representa  'Adiós Arturo'
A compañía teatral La Cubana representa 'Adiós Arturo' | Fonte: Afundación.

Adios Arturo é un canto á vida e demostra como hai que vivila intensamente, deixando en evidencia todas as convencións sociais que dificultan o poder facelo. O papagaio Ernesto é o gran protagonista desta comedia na que se relata dunha maneira aloucada e cómica a preparación do funeral do polifacético artista Arturo Cirera, falecido aos 101 anos de idade.

O público coñecerá o verdadeiro «guion da vida» deste coñecidísimo escritor, pintor, escultor, coleccionista de arte, poeta, compositor musical, dramaturgo, actor e director recoñecido internacionalmente.

A musa inspirativa desta nova produción é a que desde a propia compañía cualifican como «un rico pozo sen fondo»: o teatro. O teatro que a xente realiza na súa vida cotiá e pasa inadvertido como teatro; ese teatro que hai na rúa, nos mercados, nos traballos, na familia, coas amizades, e como non, tamén socialmente, onde a xente adoita despregar os seus dotes interpretativos en toda clase de actos, «paripés», festas, vodas, bautizos, comuñóns e enterros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta