A Festa Artesanal de Pallares chega á súa décimo quinta edición en Guntín (Lugo)

A Deputación colabora economicamente con este evento, no que público pode descubrir como traballaban antigamente os ourives, os ferreiros, os cesteiros...

Por E.P. | LUGO | 26/07/2019 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O concello de Guntín (Lugo) celebrará por décimo quinta vez a Festa Artesanal de Pallares, un evento onde os protagonistas son os oficios tradicionais da nosa terra. A cita, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo, está prevista para o día 11 de agosto nas inmediacións do Mosteiro de Ferreira de Pallares.

Artesán
Artesán | Fonte: Arquivo

A festa foi presentada na mañá deste venres nos Xardíns do Pazo de San Marcos, en Lugo. Alí estiveron presentes a alcaldesa de Guntín, María José Gómez Rodríguez; o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez García; e a deputada provincial Pilar García Porto. E é que a Deputación é a principal patrocinadora da Festa, cunha achega económica de 3.000 euros.

"Esta iniciativa contribúe a apoiar os produtores artesáns, a dinamizar a economía local e a fomentar o turismo no interior da provincia, pois case un milleiro de visitantes se achegan a coñecer os oficios tradicionais nunha das feiras máis importantes deste Concello", sinalou García Porto.

Contarase con 25 artesáns que amosarán como se traballaba antigamente en oficios que, nalgúns casos, xa desapareceron.  Ourives, oleiros, apicultores, cesteiros, ferreiros, queixeiros... mesturaranse coa riqueza arquitectónica do lugar. Dende as once da mañá, hora na que se abra o recinto, iranse sucedendo as demostracións en vivo destes oficios tradicionais. talle de pedra e madeira, traballo de coiro, forxa...

A partir das 13.00 horas, os asistentes poderán degustar gratuitamente filloas elaboradas por tres filloeiras de Muimenta. O pregón (13.15h) correrá a cargo de Xosé Luis Vázquez Somoza, profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Lucus Augusti e socio fundador da Asociación de Amigos de Ferreira de Pallares. Ademais, haberá diversas actuacións musicais e un xantar de confraternidade.

CERTAME DE INVESTIGACIÓN CONDADO DE PALLARES

Por outra banda, o prazo de inscrición para participar no Certame Condado de Pallares esténdese ata o 30 de setembro. Segundo as bases deste concurso, poderán concorrer traballos que versen sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, etnográficos e folclóricos que teñan algunha relación con aquel ámbito territorial. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta