A Deputación de Pontevedra acudirá aos tribunais para que a Xunta asuma a rehabilitación do Pazo de Lourizán

O BNG advirte que sería "tremendo" que o Goberno galego devolvese a cesión ao seu termo en 2021.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 26/07/2019 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou a interposición dun recurso contencioso-administrativo para que a Xunta cumpra coas súas "obrigas" e se faga cargo da conservación do Pazo de Lourizán, cedido por 30 anos ata 2021.

Pazo de Lourizán / De juantiagues -  CC BY-SA 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=41952526
Pazo de Lourizán / De juantiagues - CC BY-SA 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=41952526

O Goberno da Deputación criticou o "silencio" da Xunta aos seus requirimentos e espera que este recurso "poña fin ao desprezo" cara ao organismo provincial, o edificio outrora habitado polo ex-ministro Eugenio Montero Ríos "e a cidadanía, que ve frustradas as súas expectativas de gozar dese patrimonio histórico e arquitectónico", sinalou o deputado Carlos López Font.

O deputado socialista cualificou de "incomprensible" a actitude tanto da Xunta como do grupo provincial do PP, que votou en contra da iniciativa. E é que, segundo a portavoz popular, Pepa Pardo, trátase dun recurso "do todo innecesario e abocado ao fracaso", argumentando que a Lei de Rehabilitación de Galicia "establece que os propietarios teñen que levar a cabo as obras de conservación, rehabilitación e mantemento".

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, acusou a Xunta de pretender unha "manobra" para "privatizar" as instalacións a través da empresa Ence.

"Pretendían que tragásemos co sapo e que lle aplaudísemos a súa suposta xenerosidade", criticou o deputado nacionalista, que ofreceu a titularidade da leira ao Goberno galego porque "o que alí se fai non é competencia da Deputación".

ENCE

Precisamente, aínda que sen citar á fábrica pasteira, Pepa Pardo lembrou que en 2016 e 2017 a Xunta fixo un "proxecto ambicioso e viable", con "custo cero para a administración" e que "devolvería ao Pazo o esplendor que lle corresponde como verdadeira xoia do patrimonio de Pontevedra e de Galicia" para convertelo en "centro de investigación, e de investigación e desenvolvemento forestal".

A portavoz popular atribuíu a "motivos partidistas e políticos" a negativa "incomprensible" da Deputación a esa proposta, "deixando decaer no ostracismo o Pazo de Lourizán", engadiu.

Con todo, Carlos López Font cuestionou se o que pretendía a Xunta "era lavarlle a cara a Ence" cun investimento de só 5 millóns de euros cando a avaliación técnica das deficiencias ascende a 14,2 millóns de euros, o que "non chega nin á terceira parte".

Por iso, insistiu en que a Deputación ten "toda a autoridade moral" para presentar ese recurso despois de enviar catro requirimentos formais á Xunta, dos cales "ningún foi contestado". O deputado socialista reprochou ao PP que "aínda veñan falar de diálogo e propostas" cando o Goberno galego vén "incumprindo sistematicamente as súas propias obrigas".

Ademais, advertiu que "sería un horizonte tremendo" se ao vencemento do convenio de cesión, en 2021, a Xunta devólvea. "Á parte de burros, mallados", avisou César Mosquera, insistindo en "non arriscarse" e ceder a propiedade ao Goberno galego "para que faga o que ben entenda" despois de "trinta anos deixando caer o pazo".

Este recurso contencioso-administrativo é o resultado da moción aprobada en marzo de 2019 instando á Xunta a cumprir o convenio subscrito en xaneiro de 1991 e modificado en xaneiro de 2000 cedendo a leira, os seus edificios, instalacións e plantacións.

A moción valoraba "estudar medidas legais para velar pola protección do patrimonio da provincia" e o último requirimento formal enviado á Xunta por parte da Deputación remóntase a maio de 2019, lembrou López Font.

No entanto, Pepa Pardo apelou ao discurso de toma de posesión de Carmela Silva á fronte da presidencia instado ao Goberno provincial a "sentar a falar con lealdade institucional" coa Xunta no canto de "xudicializar de maneira innecesaria" esta cuestión no primeiro pleno ordinario da Deputación, para o que "se van a gastar 20.000 euros para pagar a un bufete externo", criticou a portavoz do PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

mentres tanto a presidenta da Deputación adícase a talar 128 árbores en Vigo !!! https://elpais.com/ccaa/2019/07/25/... Vigo será un DESERTO por culpa dos caprichos de Abel Caballero !!!