O Concello de Santiago abre un novo expediente sancionador contra a empresa das obras en Vista Alegre

O novo goberno local cesa á directora de Réxime Interior, nomeada polo executivo de Compostela Aberta.

Por E.P. | | 29/07/2019 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Concello de Santiago abriu un novo expediente sacionador contra a construtora Eulogio Viñal, contratista das obras de remodelación do barrio de Vista Alegre que xa foi multada hai ano e medio con 25.000 euros polos atrasos na finalización dos traballos.

Agora, segundo informou o rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns, trátase de que os colectores soterrados instalados no barrio non están operativos, pois "non son compatibles" cos camións do servizo municipal de recollida de residuos.

A constructura ten agora 15 días hábiles para presentar alegacións contra a sanción. De non ser estimadas, os 27.000 euros de fianza serán empregados para emendar o problema e, no caso de que este orzamento non alcance para substituír os colectores, a empresa tería que sufragar a diferenza.

Ademais deste acordo, a xunta de goberno local celebrada este luns tamén deu luz verde á concesión de exencións fiscais no pago do recibo da auga para residentes en áreas rurais do concello e para veciños con problemas socioeconómicos.

Así mesmo, o consistorio santiagués tamén solicitou á Xunta de Galicia unha subvención de máis de 350.000 euros para financiar un programa de contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero que leva desenvolvendo na capital galega desde hai uns anos, segundo apuntou Bugallo.

Outro dos asuntos aprobados en xunta de goberno foi a "reprogramación" do proxecto europeo 'Trafair', financiado con fondos comunitarios e que consiste na medición da calidade do aire en distitntos puntos da cidade.

A partir de agora, será a Universidade de Santiago de Compostela quen se encargue deste proxecto, ao que achegará 90.000 euros o goberno local para a instalación, mantemento e calibrado de sensores de calidade do aire de baixo custo.

SUBSTITUCIÓN NA ORGANIGRAMA MUNICIPAL

Por último, o novo goberno municipal encabezado polo socialista Xosé Sánchez Bugallo acordou o cesamento da ata agora directora da área de Réxime Interior, Silvia Aramburo, que ocupaba o cargo desde outubro de 2017, cando foi nomeada polo equipo de Compostela Aberta.

A preguntas dos medios, Bugallo apuntou que se trata dun posto de libre designación que procedía do anterior goberno, polo que "ten sentido" que se produza a substitución agora que hai un novo executivo local.

Así as cousas, Bugallo sinalou que as previsións do equipo de goberno é nomear ao novo ou nova director da área de Réxime Interior en setembro, polo que o cargo estará vacante durante o mes de agosto.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, na entrevista con Europa Press. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, na entrevista con Europa Press. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta