Critican que un 19% das prazas nas oposicións docentes quedan sen adxudicar

A CIG asegura que é unha cifra tres puntos superior á convocatoria do 2018 e "confirma unha tendencia á alza nos últimos anos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2019 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou este luns que un 19% das prazas nas oposicións docentes quedaron sen adxudicar, o que supón unha cifra tres puntos superior á convocatoria do 2018 e "confirma unha tendencia á alza nos últimos anos".

Participantes nunha oposición
Participantes nunha oposición | Fonte: Europa Press

A CIG lamentou que unha vez se coñecen os resultados de todos os tribunais das diferentes especialidades nas que se convocaron oposicións a corpos docentes, "confírmase a reiterada denuncia efectuada pola CIG-Ensino do inflado de prazas efectuado pola Consellería de Educación".

Así, segundo os seus datos, das 2.064 prazas "vendidas como nova cifra histórica" polo equipo de goberno da Consellería, "só se cobren 1.671", un dato inferior ao da convocatoria de 2018, na que se adxudicaron 1.723 prazas dun total de 2.050.

"A maior parte de prazas que quedan desertas proveñen da convocatoria de promoción interna ou acceso", destacou a organización sindical, polo que sinalou que "xa denunciara ante a Mesa Sectorial, na que a Xunta impuxo unilateralmente a oferta de emprego, que se estaban incrementando estas prazas máis aló do mínimo fixado pola normativa legal", para así "poder vender" que se superaba a cifra de 2.000 prazas na oposición.

Os números da CIG aseguran que dun total de 276 prazas ofertadas neste aspecto "só se cubriron 17", mentres que o ano pasado ofertáronse 262 e cubríronse 21.

EDUCACIÓN SECUNDARIA

Tal como relata a CIG, nas probas de ingreso destacan as especialidades dos corpos de profesorado da Educación Secundaria e de Formación Profesional, "xa que dun total de 1.018 prazas entre ambos os dous só aprobaron 922 aspirantes", quedando sen cubrir case o 10% do total.

No caso do corpo de mestres, a única especialidade na que non se cubriron todas as prazas foi Francés, na que son máis as prazas desertas que as cubertas (38 e 32, respectivamente).

A CIG tamén subliñou a especialidade de Informática, "con case a metade de prazas sen adxudicar, así como FOL e Organización e Procesos de Mantemento de Vehículos, "todas elas con case un terzo de prazas vacantes".

CRÍTICAS Á CONSELLERÍA

Aínda que a CIG-Ensino considerou "fóra de lugar" a actuación dalgúns tribunais, o sindicado quixo centrar as súas críticas na Consellería de Educación, "que ten na súa man a posibilidade de cambiar a dinámica que se asentou nestes últimos anos".

"O feito de que a Consellería faga oídos xordos ás propostas que desde a CIG lle levamos trasladando para diminuír a carga de traballo dos tribunais e para garantir, na medida do posible, o anonimato dos aspirantes, está de novo provocando unha criba absolutamente desproporcionada na primeira fase da oposición", lamentou.

Segundo os seus datos, pouco máis do 16% dos aspirantes en secundaria superou a primeira proba, mentres que un 21% o fixo no corpo de mestres, o que consideraron un filtro "desproporcionado" e "inxusto", que ten como finalidade "seleccionar un número de persoas que faga máis asumible para os tribunais poder acabar correctamente o seu traballo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta