Feijóo pide á ministra de Facenda que "recapacite" sobre os 700 millóns que reclama a Xunta ao Estado

O líder galego lamenta que "o único" que lle garante sexa 300 millóns, que Montero avanza como "a primeira medida" cando haxa Goberno.

Por E.P. | | 30/07/2019 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediulle á ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, con quen compartiu mesa nun acto na Coruña, que "recapacite" sobre os 700 millóns de euros que reclama o Goberno galego ao Estado. "As débedas hai que pagalas", expresou.

Así se pronunciou Núñez Feijóo durante a presentación do anuario 2019 do Foro Económico de Galicia, acto ao que tamén acudiu a ministra de Facenda e con quen, a pesar de non manter unha reunión formal, si puido abordar tras o acto os 700 millóns de euros que reclama a Galicia por diferentes conceptos: 330 millóns das entregas a conta, 200 da mensualidade do IVE do ano 2017 e outros 170 millóns de incentivo ás comunidades cumpridoras coas regras de estabilidade financeira.

"Lamentablemente non podemos dicir que as cousas se solucionaron na súa totalidade. Dos 700 millóns, a ministra dime que o único que pode garantir son as entregas a conta, e para iso condicionado, que son algo máis de 300 millóns; pero non se compromete na anualidade do IVE --que son 200 millóns--", dixo Núñez Feijóo, en declaracións aos xornalistas, tras manter un breve encontro con Montero.

Ante iso, o presidente da Xunta pediulle á ministra que "recapacite" porque "ese IVE é das Comunidades Autónomas, non do Goberno central". "Eu espero e desexo que cando se acabe esta tensión que está a vivir o PSOE e o Goberno recapacite e non faga responsable ás Comunidades Autónomas da imposibilidade que está a ter o PSOE en conformar goberno", engadiu.

IMPOSIBLE CUN GOBERNO EN FUNCIÓNS

A ministra, pola súa banda, tamén en declaracións aos medios de comunicación, lembrou que "as actualizacións das entregas a conta non as poden facer cun goberno en funcións". Aínda que ao principio tampouco se podería facer sen orzamento, "xa logramos que a Avogacía do Estado permita a actualización das entregas sen orzamento", sinala a titular de Facenda.

Ao non poder realizar as actualizacións co Goberno en funcións, a ministra xa avanza que esta será "a primeira medida" a tomar cando haxa un Goberno xa constituído. "Espero que poida ser no mes de setembro ou outubro ou, a moito tardar, antes de que termine o ano" asegura.

Durante o acto, e coa ministra sentada na cadeira do lado, o presidente da Xunta dirixiuse a Montero para suxerir que "as débedas hai que pagalas". Así mesmo, o titular do executivo galego aproveitou para pedir á ministra que active o mecanismo necesario para poder realizar as actualizacións das entregas e así que as Comunidades Autónomas poidan dispor do diñeiro.

"Estou seguro que tería a maioría do apoio da Cámara, mesmo dos máis reticentes", dixo Núñez Feijóo dirixíndose á ministra durante a súa intervención no acto, no que tamén lle trasladou o seu "compromiso" de cumprir as regras fiscais.

Esta contía total de 700 millóns foi exposta polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, nunha carta dirixida á ministra fai máis dunha semana na que insiste en que Galicia "necesita con urxencia" estes fondos "para atender asuntos prioritarios en materia de servizos públicos, como sanidade, ensino ou servizos sociais". E máis tendo en conta que, dos 700 millóns que reclama a Xunta, 530 "xa están incluídos" nos orzamentos autonómicos de 2019.

Ademais, Martínez trasladoulle o acordo do Parlamento de Galicia conseguido o pasado 10 de xullo a través dunha proposición non de lei aprobada sen ningún voto en contra e que instaba o Executivo galego a "reiterar ante o Goberno central que habilite de maneira urxente os mecanismos legais correspondentes" para transferir á Comunidade estes fondos.

ORZAMENTO 2020, EN OUTUBRO

A pesar da "inestabilidade política" no Goberno de España ao non producirse a investidura do presidente, Núñez Feijóo adiantou que non quedarán de "brazo cruzados" e que, desde a Xunta, traballarán para ter o orzamento de 2020.

"Imos facer todo o posible e imposible para presentar o orzamento en outubro", avanzou así a decisión da Xunta que previsiblemente tomaría en setembro, cando decidiría se presenta as súas contas para o próximo ano ou se, pola contra, prorroga as de 2019.

(I-D) O delegado do Goberno en Galicia,  Javier Losada, a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero e  o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo,durante a presentación do Anuario 2019 na sede de Afundación Obra Socia. M. Dylan - Europa Press
(I-D) O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo,durante a presentación do Anuario 2019 na sede de Afundación Obra Socia. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta