Aprobada cos votos do PP a Lei de Patrimonio Natural de Galicia

A oposición censura a tramitación "exprés" dunha norma concibida para salvagardar os "intereses" empresariais e sen participación. Os colectivos ecoloxistas lamentan que o texto saíse adiante "sen ter en conta" as alegacións das asociacións de defensa ambiental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2019 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A Cámara galega aprobou este mércores a Lei de Patrimonio Natural de Galicia cos únicos votos do Partido Popular e entre abundantes críticas por parte da oposición, que censurou a tramitación 'exprés' dunha norma que non contou coa participación dos colectivos sociais na materia.

O debate do texto estivo marcado polos reproches de todos os grupos da oposición, que advertiron que esta nova norma non garante a protección dos espazos naturais nin atende convenientemente problemáticas como a "eucaliptización" e que, con todo, establece un "veto implícito" á creación de novos parques.

A deputada socialista Patricia Vilán denunciou que se impoña unha votación para "aprobar un número máis" no calendario lexislativo e que substitúe a unha norma "incumprida", e que non estivo nin orzada nin desenvolvida, nun momento no que a Comisión Europea iniciou un proceso sancionador a España pola falta de plans de xestión dos espazos protexidos en Galicia.

"É unha absoluta farsa", insistiu, lamentando a "idea de democracia" que ten o PP, sen unha análise previa para determinar os problemas da conservación do territorio e sen abrir un proceso "real" de participación cos colectivos deste ámbito.

"E isto non vai resolver os problemas do patrimonio natural de Galicia. Só é un número máis da conta de leis neste período de sesións. Por iso nos colocaron a lei en tempo de desconto nun pleno extraordinario", sinalou.

Desde En Marea, Antón Sánchez acusou a Xunta de Feijóo de actuar como "cómplices da perda da biodiversidade" galega cun modelo "de ataque constante ao patrimonio natural", tanto desde o punto de vista enerxético e mineiro como na loita contra o cambio climático.

"Non augura ningún cambio nas políticas ambientais dos últimos dez anos", engadiu, cun Goberno que aínda non aprobou as Directrices da Paisaxe para permitir novos parques eólicos que "non se implantarían" se estivesen en vigor, e cunha media de espazos protexidos "moito menor" que no Estado.

Neste sentido, criticou especialmente a "limitación" de superficie en novos parques naturais, advertindo de que "do seis parques agora existentes" só quedaría "un" con estes novos requisitos.

"UN GOBERNO TERMINATOR"

O parlamentario do BNG Luís Bará arremeteu á súa vez contra esta "mostra de autoritarismo" e a "falta de respecto" ao resto de grupos ante unha "tramitación exprés" do relatorio, pondo "a pistola no peito" aos representantes parlamentarios ao buscar impulsar o ditame en "cinco días".

Bará criticou esta lei "dun Goberno Terminator, ou mellor dito exterminador", denunciando a "tacañería" dos orzamentos destinados á xestión de microreservas (11.600 euros), que sitúa a natureza "a mercé dos lobbies enerxéticos" na liña do incumprimento "sistemático" da normativa ambiental desde 2001.

"O Goberno de Atila en biodiversidade, do desastre, a desprotección e a depredación do patrimonio natural", ironizando con que agora se impoñan 'números clausus' aos espazos naturais protexidos, nos que Galicia está "á cola do Estado e de Europa".

Desde o Grupo Mixto, pola súa banda, Davide Rodríguez lamentou o "veto á sociedade civil" a participar no debate e o "compromiso case nulo" coa protección de espazos, a educación e sensibilización ambiental ou a actuación fronte especies invasoras.

Así, acusou ao PP de tentar dar "a estocada final ao patrimonio natural", en lugar de abordar a "grave situación de abandono" e deterioración destes espazos. "Unha deterioración continuada e sistemática", insistiu, ao que se engade a falta de plans de protección para especies ameazadas e déixase aos humidais "esquecidos".

"APOSTA" POLA PROTECCIÓN

"Non se dan conta de que esta Lei transcende máis aló de nós, os portavoces, os grupos", replicou o grupo popular, da man de Gonzalo Trenor, ás críticas da oposición, quen asegurou que a norma permitirá consoldiar a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación urbanística.

Así mesmo, entre os obxectivos esenciais, destacou a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade e o fomento da información pública e da colaboración e participación da sociedade, "dando respostas" ás necesidades neste ámbito.

"Vostedes non son de fiar, só pensan nos coches oficiais", denunciou, criticando especialmente ao líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, que "no canto de sentar na Cámara" o día da súa toma de posesión como deputado preocupábase máis "da data das eleccións".

Tamén se referiu a as críticas polo pouco tempo para o ditame, lembrando que a Xunta do bipartito aprobaba leis "cunha soa reunión de relatorio" e "sen o máis mínimo debate". Neste sentido, ironizou con que os portavoces da oposición estean a pensar máis "na praia e os mojitos" no canto de "traballar" e cumprir a súa obrigación.

Votación o Parlamento galego sobre a variante de Ribeira. EUROPA PRESS - Arquivo
Votación o Parlamento galego sobre a variante de Ribeira. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

COLECTIVOS ECOLOXISTAS

Representantes de colectivos ecoloxistas e de protección do territorio criticaron este mércores que a nova Lei de Patrimonio Natural de Galicia non supón "avance" algún na protección ambiental e da biodiversidade, á vez que reprocharon o veto á súa participación no debate da norma.

O presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, lamentou que o texto saia adiante con ese contido e "sen ter en conta" as alegacións das asociacións de defensa ambiental, salvo en "cousas puntuais" e "que non modifican" o máis importante en conservación e biodiversidade.

"Non hai avance nin servirá para protexer o patrimonio, a biodiversidade e a paisaxe", reiterou, para despois reprochar o veto "sistemático" á participación das asociacións ecoloxistas nos debates deste tipo, "como pasou cos incendios forestais".

Pola súa banda, Fernando Bandín, da Rede Galega de Custodia do Territorio, asegurou que desde a Xunta "nunca se puxeron en contacto" con esta entidade "para escoitar os argumentos" e achegas á nova norma, polo que entenden que "non fomenta a participación cidadá", como si defende o PP.

Así mesmo, criticou que o texto cita ata "15 veces a custodia do territorio", a pesar de que "nin incrementa nin facilita" esta protección, senón que se limita a recoller "cousas que están na lei básica estatal" e que xa estaban incluídas na lexislación galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Brais piñeiro

Gallegos, la naturaleza gallega ha muerto. ¡Viva España!