Todxs á Folga Xeral!

"Saque o máximo partido á reforma laboral para a súa empresa. Seminario de asesoramiento para empresarios. ¿Despido máis barato? Agora si que si: O coste do despido improcedente pasa a ser de 33 días cun máximo de 24 mensualidades, desaparecendo a indemnización de 45 días con 42 mensualidades". Non, non é un texto paródico. É a pura e crúa, arrepiante, realidade. Éstá extractado literalmente (as exclamacións e o énfase non son meus) dun panfleto que anunciaba un seminario sobre a mal chamada “reforma laboral”.

Por Jorge M.de la Calle | Santiago de Compostela | 29/03/2012

Comparte esta noticia

"Saque o máximo partido á reforma laboral para a súa empresa.  Seminario de asesoramiento para empresarios. 

¿Despido máis barato? Agora si que si: O coste do despido improcedente pasa a ser de 33 días cun máximo de 24 mensualidades, desaparecendo a indemnización de 45 días con 42 mensualidades.

Redución de salarios. Por fin será unha posibilidade real: Xa sexa dunha maneira individual ou colectiva, a empresa poderá reducir os salarios dos seus traballadores cando as circunstancias así o aconsellen (e sen necesidade de descolgarse do convenio).

Novo contrato para empresas de menos de 50 traballadores: Indefinido, a tempo completo...¡cun ano de período de proba! Ademais, con deducións fiscais e bonificado na Seguridade Social.

Chegou a auténtica flexibilidade interna na empresa: Cambios no sistema de clasificación profesional, facilidades para levar a cabo unha mobilidade xeográfica ou funcional, suspensión o redución de xornada por simple decisión empresarial... ¡aproveite todas as novidades para que a súa empresa poida adaptarse ás circunstancias!

Despidos obxectivos por causas económicas, máis fáciles de xustificarPara que as empresas que de verdade necesitan alixeirar plantilla poidan acollerse aos 20 días de indemnización.

Despidos colectivos para os que basta a decisión do empresario: Nin necesitan a autorización da autoridade laboral nin, en consecuencia, vai ser necesario buscar o acordo cos representantes dos traballadores no período de consultas. ¡Chegan así os ERES por vontade do empresario, e nos que ademais se simplifica moito a burocracia. Domine o novo (e máis sinxelo) procedemento dos ERES.

Remataron os salarios de tramitación: As empresas xa non terán que pagar salarios de tramitación por indemnizar o traballador nun despido improcedente, aínda que se manteñen se se readmite o traballador. Coñeza e aplique ben as novas regras e cálculos.

Adeus “despido express”... ¡ola “novo despido express”!: Contámoslle cómo terá que actuar a partir de agora para prescindir dun traballador mediante despido improcedente.

Bonificacións á contratación: Novas medidas, cambios e novidades.

E moitos máis cambios! Vacacións e IT, permiso de lactancia, teletraballo, redución de xornada por garda legal, cambios no contrato a tempo parcial, novas funcións para as que recorrer ás ETTs...

¡E moitos máis cambios! Cos mellores poñentes, expertos en Dereito Laboral, que lle explicarán as chaves da reforma e como aproveitala en prol da súa empresa. Todo o que necesita saber, nunha soa xornada de máxima intensidade formativa".

Non, non é un texto paródico. É a pura e CRÚA, arrepiante, REALIDADE. Éstá extractado LITERALMENTE (as exclamacións e o énfase non son meus) dun panfleto que anunciaba un seminario celebrado hai apenas tres semanas para informar ás empresas acerca da nova mal chamada “reforma laboral”, e sobretodo, como ben salienta o texto mesmo, para adoutrinalas sobre como sacar o máximo partido dela. En beneficio dos beneficios do empresariado, enténdese, non da empresa nin moito menos dxs traballadorxs. Isto si que dá noxo, e non o grande e entrañable Leo Bassi, como dicía Conde Roa antonte. Unha versión pornográfica da “contrarreforma” onde se aborda, e disque se canta e celebra entusiasticamente, con plena desnudez e sen ningún pudor, as innumerábeis vantaxes da nova lexislación, en definitiva, como “aproveitarse” e “sacar partido” dela para xenerar cartos de maneira salvaxe. Porén, non din senón a verdade do que supón este atentado contra as clases traballadoras de toda índole, polo que habería que darlles as grazas por desenmascararse, é dicir, quedar coa cara descuberta, ternos amosado a súa verdadeira face, e dicir o que non se atreven a dicir e maquean as “autoridades”. Polo menos, non son tan hipócritas. Só aproveitadxs e mesquiñxs en grao máximo.

 

Coido que sobran motivos para manifestármosnos, agora máis que nunca, contra un novo e contundente abuso contra os dereitos das clases traballadoras, ditadas polos etéreos “Mercados” (máis terrenalmente, as elites financeiras que están detrás), vía Bruxelas, a entente “Merkozy” (Merkel-Sarkozy, tanto monta monta tanto, coma os Reis Católicos, aínda que unha mande máis que o outro, pero representan o mesmo, tamén como Isabel e Fernando), PPSOE (o bipartidismo feroz con dúas facianas, un “poli” bo e outro malo, mais as dúas inseparábeis do mesmo neoliberalismo inhumano), Rajoy e o seu goberno ou máis ben desgoberno que din querer o mellor para nós mentres nos afunden máis e máis na lama, e apertan un pouco máis o cinto da precariedade co que nos afogan. Todxs: tanto xs traballadorxs indefinidxs (existen?) como xs precarixs (o 99%), tanto xs paradxs como xs estudantes (que todos sabemos que están “pre-paradxs”), tanto os que “gozan” dun traballo nas peores condicións posíbeis como xs que non “gozamos” dende hai moito tempo del, nin “gozaremos” en séculos cunha “reforma” que só beneficia xs mesmxs de sempre, por moito que queiran vender “caramelos” para os pequenxs e medianxs empresarixs (traballadorxs precarixs tamén ao fin e ao cabo e cos que non podo máis que solidarizarme), que non supoñen a solución real para o gran problema do paro e da precariedade.

 

E é que, aínda que teña a convicción de que non se pode ser maniqueo, e en cada problema cómpre abordar tódolos ángulos e perspectivas, elxs si o son: cando representantes dxs traballadorxs e dxs patronxs non se poñen dacordo, pactan con Bruxelas e xs grandes empresarixs un novo marco legal que deixa fóra xs primeiros, e outorga luz verde ós segundxs para facer case case o que queiran, con cada vez menos atrancos legais. Un marco cada vez máis difuso, cada vez menos marco: máis liberal. Porque incentivar o despido libre non é incentivar a contratación, e nin sequera incentivar a contratación é garantía de mellorar as condicións de traballo, todo o contrario neste caso. Porque cantidade non é sinónimo de cualidade. E hai moitísimas máis solucións das que non se bota man, todo por non incomodar ós propietarixs do capital, e usufructarixs do traballo alleo.

 

Todxs, na medida das nosas posibilidades, debemos secundala, por conciencia e solidariedade, e só xs que están a ser ameazadxs polos seus xefxs ou xs que traballan para si mesmxs e só se enfrontarían a graves perdas ou mesmo á súa propia supervivencia teñen razóns para ser “produtivos” nese día. E de todos xeitos, iso non significa non apoiala, nin ficar na casa: pódese informar e contrainformar, saír ás mobilizacións no tempo libre, e, moi importante, facer folga de consumo contra as multinacionais e grandes empresas para amosar a nosa disconformidade e perxudicalas activamente. Debemos coñecer os nosos dereitos, para poder exercelos plenamente, e defendelos tórnase ao tempo un deber ineludible. Hai empresas que non deixan exercelos; mesmo hai listados aos que poderiamos facerlles boicot á hora de consumir, e aplicarlles así un castigo exemplarizante.

 

Dende Grecia a Galicia, unha pantasma percorre Europa... É a pantasma da dignidade, das conciencias resucitadas. Inmaterial e imposuíble, non susceptible de ser mercada nin adoutrinada. Hai menos de vinte días, nun fin de semana inesquecíbel, milleiros de persoas concentrábanse na capital do país e no resto de cidades galegas, amais de en todo o Estado, para reclamar un cambio, este de verdade. Unha ruptura. Tumba-la reforma. Primeiro un sindicato, ó día seguinte outros dous, e nambos días xs que non se casaban con ninguén, pero sentían o imperativo ético de seguir toda mobilización contra o inimigo común. Amosando a unidade de acción que non amosan líderes políticos e sindicais. Un 10 e un 11 de marzo baixo un sol invernal de xustiza, eu vía traballadorxs, paradxs e estudantes, amas de casa, pais e nais, xubilados e xubiladas, fillos e netos, e nenos e nenas xuntxs en dúas xornadas de reivindicación masiva, pacífica, lúdica e festiva á vez que combativa nas rúas. As emblemáticas Prazas do Toural e Praterías ateigadas de xente reclamando o mesmo. E, inmediatamente despois, de seguido, a nota de cor a poñían as e os feministas, na Praza da Quintana, cunha Marcha Mundial das Mulleres que demandaba as mesmas condicións laborais para a clase máis desfavorecida (e tamén para todo aquel colectivo “diferente” e discriminado, pola razón que sexa), mais cunha creatividade, un humor e unha frescura que bebían moito do 15M e os novos movementos antiglobalización: a guinda a máis dun mes de mobilizacións, manifestacións e protestas preparatorias desta xornada. Traballo, moito traballo non remunerado na maioría dos casos, adicado a conservar e mellorar o Traballo que si o é, mais que está a piques de non selo (algunhas empresas xornalísticas obrigan a producir un certo número de pezas de balde, só a cambio de publicar, mesmo coa obriga de presentalas periodicamente, demanda a Asociación de Prensa de Madrid, cando non cobra por deixar traballar dentro delas), así como procurarlle unhas condicións dignas. A progresar e loitar polas novas xeracións. Polo único a que aspiramos posuír, só un traballo digno e que nos permita vivir. Todos estes colectivos, e máis, sairemos á rúa hoxe nunha nova xornada de folga que non só ha de ser un éxito, senón que debe repetirse unha e outra vez até que se pare este golpe de Estado encuberto á cidadanía. Todos e todas á Folga Xeral Xa!!!!!!

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jorge M. de la Calle Jorge M. de la Calle, “Moz” (A Coruña, 1982), é xornalista e fotógrafo, licenciado en Xornalismo pola Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, na especialidade de Xornalismo Electrónico. Traballou breve e precariamente en La Región, La Voz de Galicia, Xornal de Galicia, Revista ECO e Cadena Ser, aínda que a mellor maneira de exercer a profesión para el é por libre e de xeito independente, con colaboracións habituais para Galicia Hoxe, Praza, Diagonal, GC e Mundogaliza.com, dinamizando as redes sociais coas súas fotos e reportaxes, e implicándose en calquera causa social na que pague a pena ser activista. Mantén esporadicamente dous blogues, entre o sentimental e o actual, entre a música (a súa gran paixón), o cinema, o político e o literario, ou todo xunto: Fifteen Minutes with you e As outras voces, este integramente en galego.