Feijóo advirte á nova dirección de Casado: “Agardo que agora ensanchemos o partido”

“Aproveito para felicitar a todos os secretarios, vicesecretarios e voceiros da nova Executiva... Que mellor que facelo diante de todos os medios!”, di sobre as críticas da marquesa Cayetana Álvarez de Toledo, nova portavoz no Congreso, que dixo non ter sido felicitada polo presidente galego. Dá marcha atrás sobre unha posible abstención do PP a Pedro Sánchez, tras o non da dirección.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/08/2019 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Eu propóñolle que teñan acerto nas súas decisións e nas súas responsabilidades e que sexamos quen de ensanchar o partido porque nas últimas eleccións non acadamos os resultados que pretendiamos”. Foi o consello que este xoves lle lanzou o presidente da Xunta ao líder do seu partido, Pablo Casado, e, sobre todo, ao núcleo duro da súa Executiva, na que estará a polémica Cayetana Álvarez de Toledo Peralta-Ramos, XIII marquesa de Casa Fuerte. 

Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo
Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

A nova voceira do PP no Congreso aproveitou o seu nomeamento para mandarlle un recado aos que manteñen unha liña independente dentro do partido, entre eles, Juanma Moreno, Alfonso Alonso ou o propio Alberto Núñez Feijoo. “No me felicitaron”, dixo o mércores tras ser elixida. A resposta de Feijóo non tardou en chegar. “Eu aproveito para felicitar a todos os secretarios e vicesecretarios, a todos os voceiros, tanto no Congreso, como no Senado. Que mellor que facelo diante de todos os medios de comunicación para que sexa unha felicitación extensiva a todos os que acaban de conseguir esta distinción por parte do partido!”, espetou ao ser preguntado ao respecto.

Ademais, e tras amosar a súa sorpresa ante esta crítica, Feijóo dixo que tampouco chamou por teléfono ao vicesecretario de Participación, Jaime de Olano, ou a secretaria de Internacional da Executiva. “Pasamos un Whatssap de comunicación previa, pero pouco máis”, engadiu.

"O EQUIPO DE CASADO"

Con todo, tamén quixo deixar claro que esta nova renovación do PP é a de Casado. “Este é o equipo de Casado e todos no PP queremos que o seu equipo sexa un éxito pleno porque necesitamos mellorar os resultados das últimas xerais como todo o mundo entende, comezando polo propio Casado”, destacou.

Por iso, e preguntado por GC se cre que Galicia perde peso no núcleo duro de Casado, Feijóo dixo que todo o contrario.  “O Partido Popular de Galicia é o de Galicia e o Partido Popular de España é o PP de toda España. Pero se valoramos por cota pois non hai ningunha comunidade autónoma que teña tantos membros na Executiva Nacional do PP como Galicia. Polo tanto, se vai por cuotas, imos de primeiros”, ironizou aínda que dixo que no PP nunca hai cotas, nin no PP de Galicia, nin no de España. “Sobre o que afecta a Galicia nunca houbo cotas. Nunca mirei canta xente hai de Ourense, de Lugo ou de Pontevedra”, concluíu.

INVESTIDURA DE SÁNCHEZ

As novas afirmacións de Feijóo chegan logo de que Casado prescindira de xente afín ao presidente galego no seu núcleo máis duro e despois de que pechara calquera tipo de posibilidade dunha abstención ao goberno de Sánchez, tal e como suxeriu Feijóo e outros dirixentes do PP a pasada semana.

Neste sentido, tamén o propio Feijóo tivo que variar o seu discurso e acomodalo ás novas esixencias de Madrid. Por iso, este xoves, dixo que é case imposible que o PP poida favorecer a investidura de Sánchez "logo do acordo do PSOE con Bildu para gobernar Navarra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta