GC Aberto

A Constitución dos mortos

Tras o constitucionalismo do PP e Ciudadanos non está o referendo da vontade popular, senón a actuación de dúas marionetas cuxos fíos son dirixidos por personaxes anónimos que se encobren detrás do eufemismo xenérico dos mercados.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 08/08/2019

Comparte esta noticia

Albert Rivera, líder de Ciudadanos, na manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017
Albert Rivera, líder de Ciudadanos, na manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez

Erixidos en adaíles da Constitución, ao Partido Popular e a Ciudadanos  pásaselles inadvertido que no relativo á esfera social, máis dunha vintena de artígos consagrados como dereitos inalienábeis da cidadanía, son repetidamente incumpridos cando non vulnerados directamente, como así ocorre cos relacionados co dereito á intimidade, a liberdade ideolóxica e relixiosa, o deber e dereito ao traballo, a seguridade social, a redistribución da renda, protección social, cultura e moitos aspectos máis, cuxa inobservancia pon de manifesto que o seu quebrantamento continuado lonxe de garantir o cumprimento dos seus aspectos sociais, induce un demérito na dignidade das persoas que derruba a súa pretendida atribución de constitucionalistas.

 

Abonda con indicar que mentres que os artigos da Carta Magna que consagran a propiedade privada e a “economía de mercado” así como os que proclaman a “indisoluble unidade da Nación española” son plenamente enaltecidos, non sucede o mesmo cos que recoñecen dereitos democráticos e sociais que asiduamente son transgredidos sen que os autoproclamados constitucionalistas levanten a voz en esixencia do seu obrigado cumprimento.

 

Toda unha falta de respecto de quen se dedica a enganar á cidadanía insuflando patriotismo de bandeira e o proselitismo da “España rompe” como proclama de axitación, en tanto interesadamente esconden baixo o felpudo a súa conivencia con os repetidos incumprimentos da mesma, poñendo de manifesto con tal actitude a diverxencia entre a Constitución formal e a real, entre o seu contido e a súa aplicación, que por evidente discordancia, deixa sen relato o indefendíbel argumentario de Casado e Rivera, e moito mais despois de que ambos consumasen confluencia e alianza institucional con VOX a pesar do seu carácter desafiante co réxime democrático.

 

A súa manipulación do marco constitucional é de tal calibre que chegan ao extremo de utilizar a mal entendida “soberanía nacional”, como cerrazón a cambiar o seu obsoleto contido aínda sabendo que por ser procreada no marco das cortes franquistas está contaxiada no seu contido pola lexislación xestada no seo do antigo réxime; pois para eles, a pesar das errevesadas connotacións con tempos pretéritos, mantén plena validez, e como acérrimos defensores da mesma farán o materialmente indicible por manter invariable a súa literalidade, salvo que a postulación de mutabilidad veña acuñada polos mercados financeiros cos que se conducen con ampla flexibilidade.

 

Conduta que entra en colisión con outros enfoques diverxentes que aconsellan xusto o contrario e que demandan a súa adecuación á realidade dos novos tempos, partindo dun feito contundente, tal é que ao redor dun 65% das persoas que actualmente teñen dereito votar en España non lograron facelo cando en 1978 tivo lugar o referendo constitucional, é dicir, que ninguén dos que actualmente teñan cumprido 57 anos puideron exercer o dereito de sufraxio naquel plebiscito, polo mero feito de non alcanzar a idade regulamentaria para facelo, o que vén constatar que 28, 6 millóns de cidadáns aínda estando suxeitos á súa disciplina non tiveron nin voz nin voto sobre a mesma.

 

Feito que tira por terra o esgrimido de forma iterativa desde estas dúas formacións aínda cando a realidade dos feitos confirma que na actualidade hai menos persoas vivas que votaron a Carta Magna que aquelas que non conseguiron decidir sobre a mesma, e por tanto, argumentos sobrados para insuflarlle vida á “Constitución dos mortos”, a través dun novo proceso constituínte que contrariamente ao que agora ocorre, sitúe os dereitos das persoas por encima dos beneficios duns poucos.

 

Iso débese fundamentalmente a que o edificio constitucional do 78 foi construído sen cimentación democrática, circunstancia que induciu unha insuficiencia de solidez estrutural que facilitou o seu enfraquecemento e agravouse coa bomba de reloxería que representou a reforma constitucional do artigo 135 que imposta á marxe da opinión da cidadanía segue vixente co beneplácito de ambas as formacións.

 

Cando o malestar cidadán anuncia o derrube do modelo de Estado, nin cabe espazo para o descoido nin moito menos marxe para reproducir erros, tendo de concluírse que na actual conxuntura a Carta Magna vixente ten esgotado o seu percorrido, sendo obrigado arrincar ipso facto cun auténtico proceso constituínte que máis aló de composturas ou viraxes constitucionais, cancele toda conexión co pasado para o efecto de articular sen dependencias un procedemento que conforme o marco, social, económico e político máis igualitario, equitativo e esencialmente democrático, á marxe da intrusión dos mercados.

 

 

E mentres tanto, o voso constitucionalismo non grazas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nostrus

Trapalladas. A Constitucion podemola mudar cando queiramos, só ten que haber o consenso suficiente para facelo, ninguen nolo pode impedir por moito que insistades cansinamente. Si queredes trocala por outra só tedes que convencer a maioria de españoles que estamos a gusto con ela, pero metras tanto tocavos esperar. A solucion para unha minoria descontenta non pode ser poñer a esa minoria contenta e poñer a maioria descontenta