Falece unha septuaxenaria tras ser atropelada por un turismo en Malpica

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2019 | Actualizada ás 10:08

Comparte esta noticia

Unha muller de 78 anos de idade faleceu na noite deste martes tras ser atropelada por un turismo na estrada AC-416 ao seu paso polo termo municipal de Malpica (A Coruña).

Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro tivo lugar sobre as 23,30 horas da noite deste martes no punto quilométrico 15 da AC-416.

Tras recibir a chamada dun alertante, o 112 Galicia avisou a persoal sanitario e puxéronse os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Bergantiños, de axentes da Garda Civil de Tráfico e membros do GES de Ponteceso. Tamén, formaron parte do dispositivo os membros de Protección Civil da localidade, que prestaron a súa colaboración no operativo.

En concreto, o 061 enviou ao lugar dúas ambulancias e un equipo sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Carballo pero, a pesar de realizar as manobras de reanimación cardiopulmonar, indicaron fontes sanitarias a Europa Press, confirmaron o falecemento no lugar da muller, M.L.R.L., de 78 anos.

Unha vez restablecida a circulación, tras a recuperación das condicións de seguridade na vía, os servizos de emerxencia deron por finalizada a súa intervención, concretou o 112.

Intervención da Garda Civil
Intervención da Garda Civil | Fonte: GUARDIA CIVIL

NON LEVABA PEZA REFLECTORA

A muller de 78 anos falecida Non levaba peza reflectora, segundo explicou aos medios de comunicación o tenente coronel Francisco Javier Molano, xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil en Galicia.

Coincidindo cunha comparecencia ante os medios de comunicación sobre delitos contra a seguridade viaria, Molano fixo un chamamento á "responsabilidade de todos para as boas prácticas nas estradas".

"A peor parte lévaa o peón", incidiu o xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil en Galicia, quen explicou que o atropelo se produciu "cruzando a vía".

Por outra banda, lembrou a obrigatoriedade de usar pezas reflectoras durante a noite "ou cando hai pouca visibilidade" e recomendou o seu uso durante o día.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta