O BNG pedirá á ONU que investigue ao Estado español polo "veto" a documentos franquistas

Solicitará tamén no pleno da Coruña o inicio de accións legais para recuperar a Casa Cornide.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/08/2019 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O BNG denunciou o "veto" ao acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e anunciou que pedirá á ONU que investigue ao Estado español ao entender que existe unha vulneración da normativa internacional por parte de España. Así o informaron a portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda; o portavoz desta formación no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, e o investigador Carlos Babío.

Rolda de prensa de Francisco Jorquera e Ana Miranda, do BNG, sobre a denuncia ante a ONU polo acceso a documentos franquistas
Rolda de prensa de Francisco Jorquera e Ana Miranda, do BNG, sobre a denuncia ante a ONU polo acceso a documentos franquistas | Fonte: Europa Press

Fixérono ante a Casa Cornide, propiedade dos Franco, e xunto a algunhas das nove persoas que o próximo 5 de novembro serán xulgadas pola ocupación simbólica deste inmoble, tras unha denuncia da familia do ditador.

Antes, sobre a iniciativa ante Nacións Unidas, Ana Miranda explicou que se lle insta a que "investigue ao Estado español por non permitir o acceso a documentos públicos e privados en relación coa ditadura franquista", expuxo sobre o contido da denuncia que basean tamén nunha "vulneración" da Lei de Memoria Histórica. "E por manter vivas fundacións de contido fascista, é un anacronismo en Europa", engadiu.

Sobre estas fundacións, dixo que teñen "documentos relativos a moitas das persoas represaliadas e non se nos facilita ese acceso". Destas entidades, pediu tamén a súa ilegalización por ser "antidemocráticas".

"ACCESO Á VERDADE"

Ana Miranda explicou que o feito de que en España haxa "oito fundacións franquistas e golpistas, máis a imposibilidade de acceso a documentos que establece a Lei de Memoria Histórica" é o que lles leva a presentar unha denuncia ante Nacións Unidas, mediante o mecanismo de revisión universal de dereitos humanos.

"Hai catro anos, Nacións Unidas fixo unha serie de recomendacións, entre elas o acceso á verdade", explicou Miranda, quen precisou que en setembro saberán se a súa denuncia é admitida.

Mentres, o investigador Carlos Babío denunciou que "é imposible traballar na recuperación da Memoria Histórica" sen o acceso a determinados documentos da Guerra Civil e primeiros anos da Transición española.

Respecto diso, asegurou que, unhas veces, non son de acceso público porque o determinan as administracións "e outras, arbitrariamente, sen normativa". A iso, sumou a aplicación "con carácter retroactivo, da Lei de Protección de Datos".

XUÍZO POLA CASA CORNIDE

Pola súa banda, Francisco Jorquera reivindicou o traballo levado a cabo, entre outros, polo investigador Carlos Babío sobre o patrimonio dos Franco. Destes traballos, dixo que lles cargaron "de argumentos para esixir que o Concello da Coruña inicie accións legais para a restitución da Casa Cornide", petición que reclamarán no pleno municipal de setembro.

Sobre o xuízo ao que se enfrontarán as nove persoas que ocuparon simbolicamente a Casa Cornide, avanzou que están imputados "por un delito de falta leve, de coaccións, pero cabe a posibilidade de que a familia Franco pretenda aumentar e agravar as penas".

"É un novo exemplo do mundo revés, cidadáns que loitan de maneira pacífica para denunciar o espolio do Franco sentan no banco dos acusados, mentres os herdeiros do ditador seguen con total impunidade e lucrándose co que nos expoliaron".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ModeloFrancés

Queixanse de que non poden acceder a documentos persiais nin de "criados". Prezados amos: non tendes npi. Non se pode acceder a documentos do trubunal de menores dos anos 40 porque os enton menores poden estar vivos. Tampouco poden acceder a aqueles afectados pola lei de vagos, sexan homosexuais, prostitutas ou traficantes de droghas.