O difícil camiño para a xente que quere aprobar oposicións

As probas de acceso libre ou concurso non son doadas. Estudar os temarios leva tempo, necesítase a axuda de preparadores que cobran polos seus servizos. Ás veces o proceso non é de todo claro. Son varias as cuestións que enfronta a persoa que oposita e moitas veces en solitario.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As oposicións non son un camiño doado. Primeiramente está a vontade necesaria para estudar uns temarios moi amplos que inclúen lexislacións, a Constitución, o Estatuto de Autonomía, metodoloxía de estudo, etc. Tamén falamos de dispoñibilidade de tempo, da comprensión ou tolerancia da familia para ver que o fillo ou filla quere superar esas probas cando ao mellor podía estar buscando traballo, e sobre todo, ter a paciencia suficiente para poder esperar resultados.

Oposicións para a Xunta en Silleda
Oposicións para a Xunta en Silleda

Eses resultados non son inmediatos para a inmensa maioría, poden entrar “en listas” para “ser chamados e realizar substitucións” ou estar en interinidade, un terreo que si, pode dar unha certa estabilidade, mais nada comparado coa consolidación dunha praza, ben en Educación, Administración ou Sergas, en caso de opositar en Galicia.

POR QUE QUERO OPOSITAR?

As motivacións para opositar son variadas, como xa apuntaba unha reportaxe anterior. O desexo dun traballo case vitalicio, un salario entrando todos os meses e o feito de non ter que preocuparse polo futuro a medio ou longo prazo, son elementos moi poderosos para tentar a sorte e presentarse a probas de acceso para entidades ou administracións públicas.

Hai elementos que poden disuadir a unha persoa para presentarse a un proceso selectivo como o que falamos. O propio medo da persoa de non poder superar nin a primeira parte dos exames, a impresión que causan os temas para estudar ou a pouca autoconfianza. Tamén existe a visión de que “só entran os que queren os tribunais”, ou os rumores de “amaño” para facilitar a entrada de determinadas persoas.

Exames de oposicións en Silleda
Exames de oposicións en Silleda | Fonte: actualidad.es

As razóns básicas son a mellora en canto posibilidades laborais. Non obstante, existen respostas como as de Eva, opositora a lingua galega para secundaria. “Buscaba un plan B porque estou en precario, así que fun a dúas academias para saber canto custaba a matrícula, canto as aulas, cando se impartían, foron facilidades”. “Penso que é moi caro e sobre todo, penso que debera ser gartuíto porque forma parte do sistema educativo e que deberan facer en universidades con fondos públicos, e desde logo matricularse nunha oposición debera ser máis barato, non custar corenta euros”.

“Máis que caro é custoso polo tempo, pois tes que botarlle horas se queres sacalas” di Ramón, “teño en conta que hai persoas que lles leva anos sacar a praza e logo que as academias tamén fan o seu negocio  porque che venden temarios e fan fotocopias, por tanto deben sacar algún beneficio”, aínda así “para min foi un investimento en positivo que me serviu para poñer un pé dentro”. Con todo non ten seguro se presentarse outra vez.

“Hai procesos que custan 16 euros a matrícula e outros 35, hai que valorar o que che vale a pena, mais desde o meu punto de vista, si, é caro” conta Marta coa experiencia de terse presentado a varios procesos selectivos. “Tendo en conta que levo tres anos estudando, creo que estou preparada, mais buscaría agora un preparador para asegurarme diante do exame”. “Hai un negocio arredor das oposicións, porque hai moita xente sen traballo e o mercado laboral é como é, por iso creo que hai negocio arredor das  oposicións”.


PREPARACIÓN

“Hai que ir un día por semana á academia, logo sei que unha porcentaxe altísima de quen se presenta a secundaria son tamén profesores que supoño deberán repartir ben as súas horas, eu tiña tempo para facer comentarios de texto como proba que logo corrixiamos na academia” conta Eva. O sorprendente para ela foi que as probas de filoloxía galega non incluían un comentario lingüístico. “Durante seis meses estivéronnos preparando para facer un comentario lingüístico, se isto se soubese desde o comezo concentrariamos máis tempo no comentario filolóxico e explicación do tema”

O tempo de preparación tamén é unha variable que inflúe de maneira decisiva para moitas persoas. “Realmente non foi moito tempo porque tivemos que preparar unha programación didáctica, con catro sesións para preparar esa programación que non me cundiron nada” sinala Eva. A programación didáctica preséntase logo de superar a proba teórica en oposicións para educación. “O certo é que había materiais moi bos, mais as aulas non estaban preparadas e eran unha perda de tempo”.

Eu fun a unha academia porque así me orientaba porque non estaba afeito a ler leis, moitas desas persoas que te preparan son profesionais vinculados coa área á que queres opositar” sinala Ramón, que asistía a aulas durante dúas horas un día  por semana. “A min explicáronme ben os casos prácticos con exemplos reais, tamén como cambian as leis, eles viñan e sinalaban os cambios legais”. Este punto pode crear confusión porque “poden preguntar a antiga lei ou a actual”.

EXAMES

Os enunciados das preguntas poden ser unha maneira de peneirar para o exame tipo test. “Un “non” dentro do enunciado pode confundir, por exemplo unha pregunta pode ser “cales destes puntos non representan a lei tal, pois ese non ao mellor o pasas por alto e a túa resposta é a errada” explica Ramón. Tamén “poden entrar preguntas de leis que case ninguén lembra e poden formar unha batería de preguntas con elas e por iso debes ter moi dominado o temario”. “Cando me presentei ás oposicións da Deputación da Coruña, as preguntas eran tipo test con catro respostas posibles e unha pregunta errada restaba” di Marta. “Logo durante o exame práctico era dez preguntas e aí podías levar a lexislación”.

Ramón conta que  “o exame para administración da Xunta foi en Silleda, nunha nave que era para o gando, ademais de ser unha cousa moi masiva e que te sentes despersonalizado, aínda que a organización non era mala”. “Había pantallas de vídeo para explicar como funciona o proceso e logo un reloxo para cronometrar o tempo”. Marta conta que nese mesmo exame “paseino moi mal porque foi en agosto, con moita calor e sen poder ir coller unha botella de auga, nas oposicións de Estado foi nunha facultade e si, estaba moito mellor”.

Outros exames, como son os de probas para concellos moitas veces arrodeadas de polémicas, como conta tamén Ramón. “A peor experiencia que tiven foi na Estada, e iso que me garantiron que foran limpas”. Normalmente as oposicións para concellos son organizadas polas mesmas institucións locais, que se ven de súpeto cun traballo que pode ser difícil e inxente. “Cando che dan o exame, non aparece teu nome senón un código de barras ou alfanumérico, mais alí dixeron que puxeramos o noso nome na parte superior do exame”. “Logo aquel exame, que estaba en galego e castelán, a parte en castelán fora traducida con traductor automático sen revisar, así que imaxina que cousas poderían aparecer”. “Onde tiven mellor sensación foi no Concello das Neves, alí si que me parecía que todo estaba mellor”.

“Eu tiven unha moi mala experiencia en Catoira, mesmo saíra en prensa” conta Marta. “Todos dabamos por sentado que os temas serían seleccionados segundo o sistema de bombo, sacas unha bola e sae o tema a tratar, non foi así, senón que levaban escollidos os temas a priori, entre catro e seis, e deses escolleron un o tribunal”. Ademais diso, “un compañeiro que se  presentaba ás oposicións, no segundo exame dixera que a esas probas se presentaba un exconcelleiro”. Cando se fixeran as probas de exame teórico “casualmente o exconcelleiro sacara a mellor nota”. Non obstante, para Marta presentarse en Santiago é diferente porque “en concellos pequenos non hai presión abondo nin de sindicatos nin de xente que che dea seguridade de estar dentro dun proceso limpo”.

As oposicións son unha oportunidade que a moitos e moitas lles gustaría aproveitar en caso de quereren optar a un posto de traballo máis seguro. Non obstante, os prezos, as taxas, o tempo para estudar todos os temarios practicamente de  principio a fin e tamén os mesmos exames, son obstáculos que debe superar alguén con ánimo de aprobar exames de oposición. Os consellos que máis dan quen sacou praza ou entrou en listas de substitución é que deberíase ir primeiro a unha academia para coñecer mellor o sistema de exame. 

Oposicións
Oposicións
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ribeirense

Este año ha sido escandaloso en Historia. En el tribunal 6, donde había asignadas 7 plazas, pasaron 6 personas y concedieron sólo 5 plazas. En otros tribunales pasaron 12—14 personas para 6-7 plazas. El tribunal 6 ha jugado con la gente q lleva años preparándose.