Coñécese xa todo o que escribiu Rosalía de Castro?

O membro da RAG Xosé Luis Axeitos pon en dúbida o suposto descubrimento de dous artigos publicados en 'La Ilustración de Madrid' que dirixiu Gustavo Adolfo Bécquer e que a profesora María Xesús Lama atribúe a Rosalía.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/08/2019 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A filóloga galega María Xesús Lama (Guntín, 1964), experta rosaliana e Premio Nacional de Ensaio 2018 por Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), anunciaba recentemente nunha publicación a posibilidade de ter atopado dous novos artigos inéditos de Rosalía de Castro na súa etapa en Madrid. Serían os publicados en 1870 na revista La Ilustración de Madrid, dirixida por Gustavo Adolfo Bécquer, ‘El lago de los patinadores en El Buen Retiro, hoy Parque de Madrid’ e ‘Don Juan Valera y Alcalá Galiano’. Dous artigos que están asinados coas iniciais R.C. e cuxa autoría non fora identificada até agora.

'El lago de los patinadores', publicado no número do 12 de febreiro de 1870 de La Ilustración de Madrid
'El lago de los patinadores', publicado no número do 12 de febreiro de 1870 de La Ilustración de Madrid | Fonte: Lama, María Xesús (2019). «Rosalía de Castro na prensa. Dous escritos perdidos». Abriu, 8, 217-237.

Pero o escritor e investigador Xosé Luís Axeitos Agrelo pon en dúbida este suposto descubrimento. O membro da Real Academia Galega desde 2004 di que esas iniciais poden corresponder con Ramón Rodríguez Correa, coñecido como 'Correíta', amigo e activo admirador de Gustavo Adolfo Bécquer.

Este é o artigo de Axeitos remitido a Galicia Confidencial.

DOUS ESCRITOS PERDIDOS DE ROSALÍA?

Teño que dar as grazas á profesora e amiga Mª Xesús Lama pola alegría inicial que me proporcionou cando lin a noticia da exhumación de dúas colaboracións inéditas de Rosalía de Castro publicadas en 1870 nas páxinas de La Ilustración de Madrid, dirixida na parte literaria por Gustavo Adolfo Bécquer.

Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro.

Non coñecía o artigo (Lama, María Xesús (2019). «Rosalía de Castro na prensa. Dous escritos perdidos». Abriu, 8, 217-237.) que motivaba a noticia de Galicia Confidencial, que me apresurei a ler.  

Lido este, teño que manifestar que os argumentos aducidos para demostrar a autoría de Rosalía non son dabondo contundentes: a coincidencia da sinatura R. C.  [Rosalía de Castro], sen precedentes de ningún tipo en toda a traxectoria impresa de Rosalía, é un argumento fráxil. Se probamos a atribuír R. C. a todas as persoas que, como colaboradoras da prensa liberal da época coinciden nestas iniciais, a confusión sería maiúscula. Comprendemos que cando se leva traballando tantos anos arredor dun tema,  dunha escritora neste  caso, todo reverbera para confluír no seu nome.

O testemuño de Alexandra, indirecto e transmitido por persoas interpostas, certifica a pertenza do matrimonio ao espazo de sociabilidade do grupo e da publicación pero é de nulo valor probatorio da autoría dos artigos. 

Non acabamos de entender a razón pola que Rosalía escribe sobre “El lago de los patinadores” e traza unha silueta haxiográfica de Valera, temas tan distantes das súas preocupacións éticas, estéticas e políticas. A xustificación que nos dá a profesora galega da Universidade de Barcelona é que se trata de traballos “puramente alimenticios” pero outros temas máis rosalianos tamén cumprirían esa mesma función. Por outra parte sabemos que o ano 1870 non foi o máis crítico económicamente para o matrimonio. Malia que apenas coñecemos épocas de prosperidade para eles, aínda estaban percibindo máis de 20000 reais anuais. A verdadeira crise chegará cando se trasladan á Coruña.

Nos textos atribuídos hai alusións constantes a “nuestros abonados”, “nuestros lectores”, “nuestra revista” que indican un sentido de participación colectiva na empresa máis propia dun redactor ou colaborador habitual ca dunha colaboradora ocasional. Vexamos, neste senso, o final do segundo dos artigos atribuídos:

Nada diremos en estas columnas del hombre político. En cuanto al literato, al hombre de estudio, toda alabanza sería poca, porque hombres como el Sr. Valera son la gala y la ufanía de los que somos sus modestos compañeros.

Pode interpretarse esta expresión final, “los que somos sus modestos compañeros”, como vontade de anonimato por parte de Rosalía? Alguén podería sospeitar que detrás de R. C. estaba unha escritora galega falando de “patinadores” e lugar de recreo en Madrid.

Finalmente temos o testemuño dun estudoso do periodismo da época, Robert Pageard, que nun traballo titulado “Ramón Rodríguez Correa (1835-1894). Amigo y activo admirador de Gustavo Adolfo Bécquer. (Boceto biobibliográfico” e publicado na revista de Zaragoza  El Gnomo (3, 1994) atribúe eses traballos, sen necesidade de demostración, a Ramón Rodríguez Correa, máis coñecido como “Ramón Correa” e “Correíta” nos círculos periodísticos e políticos nos que se movía, segundo nos conta o autor do artigo citado:

«Los años 1870-72 son los que más interesan a los becqueristas en la vida de Correa. En La Ilustración de Madrid, dirigida por Bécquer, escribe "El lago de los patinadores" y, sobre todo, la patética necrología de Valeriano Bécquer, basándose en apuntes de Gustavo Adolfo».

A atribución non necesita xustificación  por parte de Robert Pageard porque este sabe perfectamente, entre outras posibles razóns, que este tipo de traballos de xustificación de “plana” soamente son encargados ao círculo da redacción e non a colaboradores externos ocasionais, como sería o caso de Rosalía.

Resulta sintomático, aínda que non probatorio, que nunha carta de Valera dirixida a Narciso Campillo (1861) se refira a Correa como “nuestro célebre gacetillero Correa” para pouco despois do artigo laudatorio dedicarlle a obra Las ilusiones del doctor Faustino : “A mi querido amigo D. Ramón Rodríguez Correa”. Recoñecemento que, como moi ben di Mª Xesús Lama, non lle rende a Rosalía con ocasión da antoloxía da que é autor anos despois. Na década dos setenta, en fin, Correa participa nun faladoiro na casa de Valera e este recoméndallo a un amigo “como poeta satírico digno de conmemoración”.

Conste que estou desexando enganarme para poder celebrar o achado da investigadora pero, por outro lado, tamén me gustaría acertar por librar do peso da irrelevancia á propia Rosalía. As razóns esgrimidas no artigo non disipan as nosas dúbidas pero aumentan as nosas preocupacións por outros motivo que non veñen ao caso nesta ocasión. Polo demais, agardamos con impaciencia e interese sincero a segunda parte da biografía da autora de Follas Novas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta