O Concello de Ourense anuncia que "obrará en consecuencia" no caso da nai e o fillo falecidos

Descoñécese se o sucedido chegará finalmente aos xulgados como un posible caso de violencia machista, posto que non figuraba ningunha denuncia nin en Ourense nin en Barcelona, de onde eran oriúndas as vítimas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2019 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

O portavoz de Democracia Ourensá, Miguel Caride, manifestou que no caso de que as análises das últimas chamadas da nai e o fillo que morreron ao precipitarse desde unha pasarela en Ourense puxesen de manifesto un comportamento "incorrecto" das forzas de seguridade ou dos Servizos Sociais por parte do Concello miraríase "que é o que o ocasionou e obraríase en consecuencia".

No entanto, o portavoz municipal fixo fincapé en que "en calquera caso, non se debe empregar un feito tan lamentable para pór en dúbida a actuación dos servizos municipais nin da Policía Local". Ademais, Caride apuntou que "sempre é moi complicado establecer cales son exactamente as causas que levan a tomar decisións deste tipo".

Polo momento descoñécese se o sucedido chegará finalmente aos xulgados como un posible caso de violencia machista, posto que non figuraba ningunha denuncia nin en Ourense nin en Barcelona, de onde eran oriúndas as vítimas. Ata agora só constan "unhas dilixencias previas no xulgado", segundo confirmou Caride, necesarias para a intervención dos forenses no levantamento dos cadáveres.

A muller falecida, de 71 anos, e o seu fillo, de 27, que morreron despois de precipitarse á estrada N-120 desde a pasarela contigua á estación de autobuses, chegaron desde Barcelona á capital ourensá tratando de fuxir de ameazas familiares, segundo indicaron a Europa Press fontes da investigación. O día 1 de agosto, as vítimas chamaron a familiares residentes en Ourense comunicándolles que, tras unha discusión, o marido e pai da vítima botáraos da súa casa en Barcelona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta