Este é o top 10 dos alimentos ecolóxicos en Galicia: que se consome e quen o consome

O consumidor eco galego ten entre 35 e 49 anos, estudos superiores e nivel adquisitivo alto.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/08/2019 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Os vexetais son os produtos ecolóxicos que se consomen con máis frecuencia en Galicia. Ata un 48,1% dos enquisados incorpóraos á súa cesta da compra máis dunha vez por semana. Así se desprende do último barómetro elaborado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) para avaliar a percepción e consumo dos alimentos orgánicos.

Verduras á venda
Verduras á venda

En segunda posición atópanse os ovos. O 66,5% dos entrevistados mércaos unha vez por semana ou incluso máis. Esta é a mesma frecuencia coa que os galegos adquiren carne fresca eco, un produto que gaña terreo nos fogares galegos e medra 7,2 puntos -de 2014 a 2017- ata acadar o 40,4%. Algo semellante sucede coa liña bio do polo e outro tipo de aves, un alimento que o 36,7% engade á súa lista da compra alomenos cada sete días. O crecemento con respecto á análise anterior é de 8,4 puntos.

Pan, pasta ou cereais ecolóxicos teñen un papel de peso no informe e ocupan xa o terceiro posto. O 49,6% declaran consumilos con certa frecuencia. Desta porcentaxe, o 26,3% asegura introducilos na lista da compra máis dunha vez por semana. Con regularidade (53,1%) entran así mesmo nos fogares os snacks, doces, marmeladas, mel ou sobremesas non lácteas.

Con frecuencias por debaixo do 30%, completan o top 10 as bebidas, conservas e aceites, e conxelados. Fóra dos dez primeiros postos e cunha porcentaxe do 7,27%, atópase a alimentación infantil. Cómpre facer fincapé en que a base de consumidores eco medrou de forma considerable entre 2014 e 2017. Cun incremento do 23,5%, chega agora ao 47,3% da poboación galega. (Ver cadro páx. 20)

Segundo o barómetro do Craega, queda patente que os produtos de orixe vexetal son a porta e entrada ao consumo ecolóxico. Así o poñen de manifesto o 73,8% dos enquisados. A máis distancia séguenlle os ovos (7,6%) e os lácteos (7,5%). 

PERFIL DO CONSUMIDOR ECOLÓXICO

De mediana idade, con estudos superiores e con renda alta. Son as características comúns do consumidor ecolóxico galego. Tal e como reflexa o último barómetro do Craega, a compra de alimentos orgánicos ten unha presenza máis intensa entre a xente nova. A maior parte (55,2%) dos que inclúen os alimentos bio na súa cesta da compra teñen entre 35 e 49 anos. Moi de preto (52,2%) sitúase o grupo de ata 34 anos. Pola contra, a consideración de non consumidor aumenta notablemente por riba do 63% entre os maiores de 65 anos. 

O que merca ecolóxico adoita ter un nivel educativo elevado. Máis da metade conta con Formación Profesional ou universitaria. Sen embargo, nos niveis máis baixos de instrución son máis abundantes os non consumidores.  Segundo a actividade que desempeñan, o consumidor eco preséntase con maior intensidade entre os empregados (53,2%), estudantes (54,3%) e as persoas que realizan labores no fogar (57,7%). 

Xa por último, contribúe a definir o perfil a situación económica dos fogares. Entre os niveis de ingresos máis baixos (renda familiar media mensual inferior a 1.000 €) a frecuencia dos consumidores cae ao 39,1%. No extremo contrario (máis de 4.000 € por mes), a compra de produto eco sobe ata o 68,8%. 

CASE 80 MILLÓNS DE EUROS EN VENDAS

O Craega medra ano tras ano. En 2018, as vendas de produto ecolóxico certificado disparáronse un 33,2% e acadaron os 78,7 millóns de euros. Arredor da metade do produto certificado véndese fóra de Galicia. Desta porcentaxe, entre o 20% e o 30% comercialízase no mercado exterior.

O leite UHT e a carne avícola, por esta orde, son os produtos estrela. Cunha facturación superior aos 26 millóns de euros e un crecemento de case 41 puntos, o lácteo é con diferenza o que máis ingresos xera. Galicia certifica o 65% do leite que se consome en España.

A superficie certificada polo Consello tamén anota datos positivos. Con 33.736,44 ha certificadas, o crecemento durante o curso pasado ronda os seis puntos. A provincia con máis terreo en ecolóxico é Lugo, xa que suma 16.507 ha (o 49% do total).

En canto ao número de operadores, o Craega rexistra neste caso unha suba de case oito puntos e computa 1.152 inscritos ao peche de 2018 (un 125,8% máis que en 2008). Cun 37,6%, a vexetal consolídase como a produción maioritaria no conxunto da comunidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta