Denuncian contratacións a dedo para cubrir as vacacións do persoal laboral nas residencias de maiores

CIG Autonómica pide a depuración de responsabilidades na Xunta por “formalizar contratos sen atender aos principios de igualdade, mérito e capacidade”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 11/08/2019 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

CIG Autonómica denuncia que a Xunta está contratando “a dedo” nos meses de xuño, xullo e agosto para cubrir as vacacións do persoal laboral nas residencias de maiores. Unha situación que se produce, di, pola “falta de previsión e nula eficiencia administrativa” da Función Pública xa que as listas elaboradas para substituír persoal das categorías de Enfermería (ATS e Auxiliar de enfermería) están esgotadas dende o mes de xuño.

Por iso, para contratar novo persoal a Administración galega tería que efectuar chamamento ás oficinas de emprego e pedir, como mínimo, 3 persoas por praza para proceder a seleccionar ao persoal segundo os méritos e capacidade certificados e baremados obxectivamente pola puntuación establecida no Convenio de Persoal Laboral da Xunta.

Pero, lonxe deste procedemento, dende os centros de maiores dependentes da Xefatura Territorial da Coruña, estanse a efectuar contratos para cubrir ausencias, sen publicidade e sen sistema ningún de baremación ou selección. “Son as direccións dos centros os que teñen as demandas de emprego e as que escollen a dedo as persoas, sen participación sindical nin órganos de selección tal e como establece o Convenio”, denuncia este sindicato.

Deste xeito, solicita que se verifique se as persoas contratadas están a cumplir cos requisitos de titulación así como non estar incursos en incompatibilidades, “dada a especial relevancia que ten o traballo con persoas maiores en centros de asistidos e válidos de residencias dependentes da Consellería de Política Social”.

Ademais, insta ao conselleiro a depurar responsabilidades a que houbera lugar por parte dos empregados públicos que procederon a realizar as contratacións de persoal laboral “sen aterse aos principios de igualdade, mérito e capacidade, co que estaría a darse un suposto de ilegalidade evidente, patente, flagrante e clamoroso”.

Edificios centrais da Xunta en San Caetano
Edificios centrais da Xunta en San Caetano | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta