O PP alerta que os servizos públicos en Galicia están "en xogo" sen os 700 millóns non transferidos

Apuntan a "chantaxe" da ministra de Facenda en funcións, ao dicir que "non será posible a transferencia dos 700 millóns" ata que o presidente da Xunta "non convenza ao PP no Congreso dos Deputados" para apoiar a investidura de Pedro Sánchez.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2019 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

A viceportavoz do grupo parlamentario do PPdeG, Marta Rodríguez, afirmou que a débeda de 700 millóns de euros que o Goberno central non transferiu á Comunidade "pon en xogo os servizos públicos" de Galicia. Desta maneira expresouno este venres Rodríguez nunha rolda de prensa, na que acusou a Pedro Sánchez de dedicarse a un "exercicio de frivolidade sen precedentes" para xustificar a convocatoria dunhas segundas eleccións.

Neste sentido, a viceportavoz criticou o "desembarco masivo" dos ministros en funcións na Comunidade e as súas "chantaxes" ao Goberno galego. "Veñen a Galicia a facerlle oposición á Xunta" e a "utilizar" á cidadanía para elaborar "a súa propia campaña", engadiu.

Ademais, aludiu ás declaracións dos ministros nas súas visitas a Galicia. En concreto, Rodríguez apuntou á "chantaxe" da ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, ao dicir que "non será posible a transferencia dos 700 millóns de euros" ata que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "non convenza ao PP no Congreso dos Deputados" para apoiar a investidura de Pedro Sánchez.

Igualmente, censurou que a ministra de Industria e Turismo en funcións, Reyes Maroto, non se reuniu coa Xunta na súa vista a Galicia e que o ministro de Ciencia, Innovación e Universidades en funcións, Pedro Duque, visite un proxecto que "esta cofinanciado pola Xunta" e tampouco conte con representantes do Goberno galego.

IMPULSO DEMOGRÁFICO

Por outra banda, Marta Rodríguez explicou que a débeda que o Executivo central ten con Galicia "coincide coa cifra" que se destinará anualmente á "lei de impulso demográfico" que iniciou o seu proceso de tramitación o pasado 27 de xuño no Consello da Xunta.

Esta lei pretende "afrontar o maior desafío de Galicia a medio e longo prazo", que é "o problema demográfico". Para iso, a viceportavoz sinalou que "pon o foco" na "conciliación laboral, a implicación das institucións e no reforzo de medidas para favorecer a vida" nas comarcas rurais.

A viceportavoz do grupo parlamentario do PPdeG, Marta Rodríguez, en rolda de prensa. CEDIDA
A viceportavoz do grupo parlamentario do PPdeG, Marta Rodríguez, en rolda de prensa. CEDIDA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta