Quen fai dano ao nacionalismo?

A Fragas do Eume representaron, nestes tráxicos días para o país, un akelarre ecolóxico inadmisible, cuxos culpables algún día serán condenados ao oitavo círculo do inferno, que tan ben describía Dante na “Divina Comedia”, onde moran os rufiáns e traidores.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 06/04/2012

Comparte esta noticia

Sempre observo este tipo de puñaladas na esencia do noso país, cun punto de curiosidade, ante a previsible resposta da caste política e adláteres, tentados de utilizar unha desgraza que afecta a todos, para buscar o bastardo rendemento partidario. A sociedade civil tivo a sabia iniciativa de convocar aos galegos a concentrarse nas nosas cidades, vilas e pobos, para protestar polo acontecido no paraíso do Eume, e pedir unha política axeitada de protección dos nosos espazos ecolóxico ademais de esixir responsabilidades pola xestión durante a crise incendiaria. Durante o acto no Obradoiro ao que asistín, puiden comprobar unha vez máis como o anteriormente coñecido como BNG, teimaba por capitalizar o descontento de todos, inundando tan simbólico emprazamento de bandeiras partidarias e proclamas tantas veces oídas, rancias nas formas e baleiras na mensaxe. 

O nacionalismo galego leva xa demasiados anos aturando, que os que se consideran gardiáns das esencias, fagan un dano irreparable a un sentimento que moitos compartimos por este país, e que a sociedade cada día mira máis dende a indiferenza, pola marxinalidade de determinados comportamentos, que minan potenciais posibilidades de futuro político nesta terra. Nin o anteriormente coñecido como BNG representa a todo o nacionalismo, nin o galeguismo está disposto a que o identifiquen con esa trincheira política. Os que se pechan á posibilidade de chegar a toda a nosa sociedade, por crer que fóra de determinados parámetros so existen fascistas e renegados da Galiza, deben saber que para representar a alguén, o primeiro do que hai que ser capaz é de representarse a si mesmos. A algún o poden acusar de ser un submarino para torpedear o nacionalismo bañado da pureza ideolóxica, cuxa alma mater vive baixo os efluvios dunha boa colección de zarzuela española, mais sempre será preferible mergullar na busca de posibilidades construtivas para o país, que ser un “bucanero” pagado por quen corresponda en cada momento, que dita sentenzas dende a impunidade que dá o ego desmedido e a ambición mal calculada.

Que non sexa a nosa terra a que remate pagando coma sempre, polo pouco que demostran querela algúns dos seus fillos.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rafael Cuiña Aparicio Cursou estudos de dereito, e na actualidade é empresario en Lalín. Membro de varios foros de pensamento galeguista, como Prolingua, foro Peinador e IGEA, do que é directivo. Articulista en diferentes medios do país.