Confrotando mundos: Un día no paseo do río Sarela

O Sarela é un espazo recuperado no centro de Santiago. Antigo centro económico da urbe, é agora un espazo de lecer de gran importancia medioambiental.

Por Brais Nogueira | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2019 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

No paseo do río Sarela existe unha confrontación entre o espazo natural e a modificación do home do mesmo. Non é algo negativo, senón enriquecedor. É un lugar perfecto para ver a actividade de Santiago de Compostela ata principios do século XX, xa que a zona tivo unha grande actividade produtiva que rematou a partir da revolución industrial. Grazas ao traballo municipal dos sucesivos gobernos, o último o de Compostela Aberta, actualmente é un lugar onde, se ben non é o motor da cidade como historicamente foi, volve ser un lugar de recreo para os cidadáns de Santiago de Compostela.

Paseo do Río Sarela
Paseo do Río Sarela | Fonte: Brais Nogueira

Pasear pola súa senda é vivir entre dous mundos, unha fusión entre o urbanizado e o natural. É unha gran zona verde gañada ao esquecemento. Os contrastes son habituais durante o paseo: leiras ao carón da rúa, casas onde vive xente con normalidade atravesadas polos restos dun muíño, camiños que cada dous minutos cambian entre un aspecto rururbano a un entorno natural privilexiado mesturado con ruínas lamentablemente decoradas con pintadas a meirande parte das ocasións.

Ás xentes que alí viven son tan diversas como os usos que tivo no seu tempo o río. Poden verse dende anciáns que todos os días fan o seu paseo de rigor, ata rapaces que van alí a refrescarse ante as grandes temperaturas que poden chegar a rexistrarse na capital galega. Incluso, dada a intimidade de moitos lugares, non é estraño atopar improvisadas citas románticas.

Por outra banda, tamén hai persoas que ven no terreo un bo lugar para facer deporte ou pasear aos seus cans. “Non é estraño incluso atopar tendas de campaña de persoas que ilegalmente pasan aquí a noite. E a verdade é que dadas as circunstancias o entendo”, explica Aurora Rodríguez, unha estudante da universidade que para fuxir do estrés que ás veces lle supoñen os estudios decide frecuentar o río. Por último e para rematar este heteroxéneo paisaxe sociolóxico, son moitos os pescadores que frecuentan a zona. Esta actividade fai anos era imposible pola contaminación do río, mais grazas o traballo do Concello de Santiago, puido recuperarse para este propósito unha zona que sempre tivo fama de ser troiteira.

MUÍÑOS E LAVADOIROS

A pesar do seu percorrido, a forza do Sarela movía os rodicios de ata trinta muíños fariñeiros. A meirande parte deles utilizábase para o millo pero tamén os había de trigo e centeo. Coa súa actividade abastecían aos panadeiros e labregos da comarca que a súa vez facían produtos elaborados con esta materia prima.

Paseo do Río Sarela
Paseo do Río Sarela | Fonte: Brais Nogueira

Tamén é terra de lavadoiros, un labor exercido por mulleres de xeito histórico. están separadas do río como tal e abastecidos por unha fonte independente como pode ser o caso do lavadoiro de Pontepedriña. Estes lugares non soamente servían como actividade produtiva, senón que supoñían lugares de reunión e socialización para un xénero feminino tradicionalmente asolagado. Os que se atopan directamente no río simplemente son unha mínima rampla na beira onde as lavandeiras facían o seu labor axeonlladas. Hai un total de dez muíños e seis lavadoiros que se pode atopar durante todo o paseo a beira do río Sarela.

IMPORTANCIA A NIVEL HISTÓRICO

Na parte oeste da cidade coa que coincide gran parte do paseo estivo situada historicamente a denominada horta de Compostela, unha extensión de cultivos que abastecían tanto aos seus propietarios como ao cabido da Catedral, a xeito de mercado diario. Diso non queda practicamente nada, soamente algún conduto que se pode ver á beira do río que se utilizaba para abastecer de auga ás plantacións e algunha horta dalgunha das casas que se sitúan á beira do camiño.

Xunto co río Sar, o Sarela sempre foi un piar da vida dos habitantes de Compostela, unha cidade sen mar que medrou entre os dous ríos. Importantes dende o punto de vista público como fonte de recursos ata o uso dos seus espazos como lugar de traballo e de lecer. Tamén o lecer, onde o lugar é unha zona ideal para o paseo e para o ocio.

Outro dos elementos que hai perdidos no lugar son restos de fabricas de curtido, a actividade máis salientable da cidade durante o século XIX, antes de que chegara a industrialización e fora substituída por outras. A zona cumpría todo o necesario para desenvolver a actividade: Unha ruta de transporte ferroviaria para que chegara a materia prima e sen garantida a distribución do produto final, abundante auga e un lugar afastado por mor dos malos olores que desprendía. Un total de nove fábricas deste tipo se poden atopar na beira do río, unha máis accesibles que outras.

 

Paseo do Río Sarela
Paseo do Río Sarela | Fonte: Brais Nogueira
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Enrique Castro

Parabéns polo artigo