Temas: FRASEOLOXíA

“Poñerlle o peche # o pechamento # o ramo a algo”, equivalente á castelá “ponerle el cierre”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 18/08/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Tal e como comentabamos na anterior entrega, en moitos dos contextos correspondentes á segunda “acepción” das locucións darlle croio a algo, poñerlle o/un croio a algo ou darlle carpetazo a algo (lembrámola: “Dar por rematado un asunto ou deixar definitivamente de se ocupar del, tanto se chegou á súa culminación ou pleno desenvolvemento coma se non”) poderían acaer perfectamente máis locucións cás reflectidas na dita entrega, coma por exemplo as que imos ver no presente artigo, que se virían a corresponder coa castelá echar # poner el cierre a algo.

Peche Facultade de Ciencias Políticas USC
Peche Facultade de Ciencias Políticas USC

Echar # Poner el cierre a algo

{= Acabar algo, rematalo, concluílo, finalizalo, terminalo, ou dalo por rematado ou concluído.}

Poñerlle # Botarlle o peche a algo

Poñerlle # Botarlle o pechamento a algo

Poñerlle o ramo a algo

Darlle # Poñerlle cote a algo

Ex.: Al tema del posible acuerdo con la conservera le tenemos que echar el cierre en esta reunión.

Ó tema do posible acordo coa conserveira témoslle que poñer o peche témoslle que pór o pechamento témoslle que pór o ramo témoslle que dar/poñer cote nesta reunión.

Ex.: Y por hoy echamos el cierre al programa con el último tema de Emilio Rúa.

E por hoxe pómoslle o peche ó programa poñémoslle o pechamento ó programa pómoslle o ramo ó programa dámoslle/poñémoslle cote ó programa co último tema de Emilio Rúa.

● Tamén:

Poner (el) punto final # (el) final # (el) fin

Poñerlle (o) punto final # (o) final # (o) fin # (o) remate && Darlle cabo a algo && Dar cabo de algo

Ex.: Ó tema do posible acordo coa conserveira témoslle que pór o punto final témoslle que poñer o final témoslle que pór fin témoslle que poñer (o) remate témoslle que dar cabo nesta reunión. && Nesta reunión temos que dar cabo do tema do posible acordo coa conserveira.

Ex.: E por hoxe pómoslle o punto final ó programa poñémoslle o final ó programa pómoslle fin ó programa dámoslle cabo ó programa co último tema de Emilio Rúa. && E por hoxe damos cabo do programa co último tema de Emilio Rúa.

● Tamén, en bastantes contextos, e máis ou menos axeitadas en función de cada un deles:

Dar algo por [Dejar algo] acabado # concluido # finalizado # terminado # rematado

Dar algo por [Deixar algo] rematado # acabado # concluído # finalizado # terminado

● Mesmo tamén, só en certos contextos (nomeadamente aqueles en que se dá a entender que se remata algo pendente ou problemático dándolle algún tipo de solución), e máis ou menos axeitadas en función de cada un deles:

Dar algo por [Dejar algo] zanjado # finiquitado # despachado # liquidado # resuelto # dirimido # arreglado # saldado && [E MAIS]: Dar algo por [Dejar algo] ventilado

Dar algo por [Deixar algo] liquidado # despachado # resolto # resolvido # dirimido # arranxado # amañado # saldado && [E MAIS]: Dar algo por [Deixar algo] ventilado && Darlle vento a algo && Darlle aire a algo

Ex.: O tema do posible acordo coa conserveira témolo que deixar liquidado despachado resolto arranxado ventilado nesta reunión. && Ó tema do posible acordo coa conserveira témoslle que dar vento témoslle que dar aire nesta reunión.

NOTAS:

1. Parece ser que a orixe da expresión poñer o ramo se atopa no feito de que cando se facía unha casa existía en moitas zonas o costume de colocar uns ramos ou ramallos no curuto da mesma, indicando así que se rematara (ou, polo menos, que rematara a súa estrutura).

Así mesmo, trátase dunha expresión que nalgunha ocasión tamén se usa engadindo a maiores o matiz de que se remata un bo traballo, labor ou faena dun xeito que non desmerece en calidade –ou que mesmo supera– o que xa se levaba feito (noutra palabras, como equivalente a poner la guinda a algo).

2. Polo que respecta ás locucións verbais darlle cote a algo e poñerlle cote a algo (tiradas do traballo “Rabusco”, de Xulio Cuns Lousa, publicado no Anuario Brigantino en 1989), e como mera hipótese intuitiva, non fundamentada en ningunha proba nin base real, deixamos apuntada a posibilidade de que a voz cote poida estar, se cadra, relacionada coa acepción que dela aparece no DRAG (“nó simple que se fai no chicote dun cabo”), no sentido de que un nó o que fai, ou pode facer, é cerrar algo, isto é, dalgún xeito, poñerlle o remate ou o fin.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Santamarina, Antón (dir.) & Ernesto González Seoane & María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Xose Gonzalez Paz

Ola, Parabéns polos teus interesantísimos artigos!. Non me queda claro se realmente en galego "puro" deberíamos duplicar o complemento indirecto, quero dicir: "poñer o peche a algo" en vez de "poñerlle o peche a algo". Mesmo comentario para as demais frases. saúdos cordiais

1 xosé ant. pena

Non hai unha regra que sancione como incorrecta ningunha das dúas opcións (isto é, a reduplicación ou non reduplicación do C.I.). Persoalmente, cando escribo baséome na miña experiencia como falante e tendo a reduplicalo, inda que hai casos en que non o fago. De feito, teño a impresión de que o comportamento máis xeneralizado é precisamente este, o da tendencia á reduplicación (partindo da expresión que se reflicte no presente artigo, sóame máis natural “Púxolle o peche á conferencia agradecéndolle ó público a súa asistencia” ca “”Puxo o peche á conferencia agradecendo ó público a súa asistencia”), pero sempre tendo en conta que a outra posibilidade tamén é, en maior ou menor medida, empregada de xeito natural e forma parte así mesmo do noso sistema lingüístico.