O colectivo 'Enfermeiras en loita' volverá denunciar a "precariedade" deste colectivo laboral en Galicia

Este movemento de carácter autonómico denuncia a situación de inseguridade e inestabilidade das enfermeiras eventuais, con consecuencias para as súas familias e contorna.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 12/08/2019 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

O colectivo de 'Enfermeiras eventuais en loita' protagonizou este luns unha nova concentración de protesta, no marco da súa campaña '#12 meses, 12 loitas' para denunciar a súa precariedade laboral e, nesta ocasión, pondo o foco nas dificultades destas profesionais para conciliar a súa vida persoal e laboral.

Así, convocaron concentracións fronte aos centros de saúde e hospitais de toda Galicia, ás que moitos dos participantes acudiron coas súas camisetas reivindicativas ou de loito, para simbolizar o "duelo" pola precariedade da súa situación laboral. Esta plataforma insistiu en que "todos" os profesionais sanitarios e os cidadáns están convidados a unirse ás súas protestas, que lles levarán a convocar unha concentración cada mes (os días 12), e que inclúen recollida de firmas de apoio.

Este movemento de carácter autonómico denuncia a situación de inseguridade e inestabilidade das enfermeiras (son un sector maioritariamente feminino) eventuais, con consecuencias para as súas familias e contorna. Así mesmo, defenden unha sanidade pública universal e gratuíta, como alicerce fundamental do Estado de Benestar, e reclaman, entre outras cuestións, que se recoñeza a Enfermaría como disciplina autónoma.

APOIO DA OPOSICIÓN

As concentracións deste luns contaron co apoio de BNG, PSdeG e En Marea, que lembraron que o informe do Consello de Contas reflicte a elevada interinidade entre o persoal sanitario galego. Deste xeito, a deputada Paula Vázquez Verao (En Marea) tachou de "intolerable" que a administración sosteña durante anos contratos en precario, con altos índices de temporalidade e empeoramento da situación nos meses de verán.

Na mesma liña, a deputada socialista Patricia Otero trasladou o apoio do seu grupo a este colectivo e esixiu ao Sergas "transparencia" para facer públicas as listas "reais" de espera en Galicia. Finalmente, coincidindo con esta xornada reivindicativa, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, esixiu á Xunta "menos propaganda e máis recursos" para a sanidade pública, e denunciou que, ante a deterioración do servizo, o goberno de Feijóo responde "con tiritas e parches".

Concentración de 'Enfermeiras eventuais en Loita', con participación das deputadas do PSdeG Patricia Otero e Ana Prieto.. PSDEG
Concentración de 'Enfermeiras eventuais en Loita', con participación das deputadas do PSdeG Patricia Otero e Ana Prieto.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta