O PPdeG considera que a central das Pontes está prexudicada pola política enerxética do Goberno

A deputada Paula Prado criticou a actitude do Executivo central porque "avoga polo abandono anticipado do carbón, sen dar resposta ás consecuencias en termos de economía e emprego nos terreos afectados".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2019 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

O PPdeG denunciou que a central térmica das Pontes, na Coruña, "está a sufrir unha importante deterioración na súa produción" como consecuencia de "unha política enerxética desordenada por parte do Goberno de Sánchez". Por este motivo fixeron públicas unha serie de medidas que queren aprobar polo trámite de urxencia.

A viceportavoz do grupo parlamentario popular de Galicia, Paula Prado, convocou unha rolda de prensa este mércores para comunicar as propostas do PPdeG nesta materia. Estas medidas incorren na supresión do céntimo verde para o carbón, a adopción dun sistema de compensación á eficiencia en altos niveis de demanda, a creación e modificación de leis de sustentabilidade enerxética ou a fixación dunha retribución especial polo uso de biomasa forestal.

Paula Prado criticou a actitude do Goberno de España ao considerar que "avoga polo abandono anticipado do carbón, sen dar resposta ás consecuencias en termos de economía e emprego nos terreos afectados". A viceportavoz do PPdeG afirma que a central térmica das Pontes xera uns 450 empregos -entre os directos e os indirectos- e xera un impacto económico na zona de 80 millóns de euros ao ano, cifras "reveladoras" para a economía galega.

A deputada popular Paula Prado. PP
A deputada popular Paula Prado. PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta