Azares de Pike Place

As 'Viaxes sen Lee' chegan á súa trixésima entrega. A exploración emocional de Gabriel Rei-Doval pola costa noroeste do Pacífico bate con inquedantes revelacións sobre as mutantes mentes estadounidenses.

Por Gabriel Rei-Doval | Seattle (WA, USA) | 15/08/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Tras uns días en Portland, os tempos eran chegados de viaxar a Seattle, cerne da costa noroeste estadounidense. Terceira estanza na miña cidade norteamericana favorita, era a primeira vez que conducía ata alí desde o tamén alternativo Oregón.

Pedaleando pola 'zona cero' de Seattle
Pedaleando pola 'zona cero' de Seattle

A parada na capitalina Olympia foi breve, o paseo polo seu porto inspirador e a visita ó Capitolio neoclásica. Tardábame xa chegar á urbe con maior índice de lectura do país onde xurdiran fitos empresariais coma Starbucks ou Boeing. Aínda lembraba a miña primeira vez, unha década antes, descubrindo os múltiples encantos daquela metrópole, tan empinada, montuosa e marítima coma Vigo.

Garantida xa a pousada nocturna no veciño Lynnwood, pedaleei con Dahon ata o corazón da cidade para visita-la enxebre praza de abastos de Pike Place. Naquel enclave, medio século antes, un mestre de inglés, un historiador e un escritor emprendedor fundaran Starbucks, o hogano principal emporio cafeteiro do mundo.

Primeiro xantei no Public Market, entre recendos mariños a lumbrigante e aromas salgados a boi e salmón fresco; despois, camiñei ata o Starbucks orixinal de Pike Place onde as novas cafeterías norteamericanas principiaran, co gallo de gozar dunha deliciosa Peach Tranquility. Mais a miña procura de tranquilidade con sabor a pexego crebou de novo tralo azaroso reencontro co inestable Rob, acompañado do seu fiel escudeiro Chuck, a quen case  esquecera desde os tropezos en Mineápolis e Buffalo WY semanas antes.

A cafetería, estreita e sen espazo para sentar, parecía deseñada para pedir, paga-la bebida e beber en formato itinerante, na rúa ou xalundes. Cunha ducia de persoas diante de min observando de vagariño as bebidas e contemplando a cámara lenta o merchandising da tenda, o meu ollar despreocupado cara á saída do local batera con Rob e Chuck a parolar en conversa pouco amigable.

En Seattle, no Public Market de Pike Place
En Seattle, no Public Market de Pike Place

A constatación da miña presenza segou o fluír conversacional de Rob. Ó seu fitar escrutador dos que cortan o aire respondín con mirada qui-gong flexible coma cortiza a afundir por momentos no océano da conciencia. O meu saúdo morno recibiu benvida de Chuck mais ollar xélido dun Rob que, sen mediar palabra e tumbando con estrondo o adival e pé metálico que separaban a cola do corredor, saíu da tenda con ademáns desafiantes antes de desaparecer entre a multitude dun ateigado Pike Place.

A experiencia meditativa previa de Chuck non lle permitiu amortece-lo brusco desencontro con Rob, que conseguira avermellar con carraxe e lume a súa pálida faciana hippy. Coa queixada desencaixada, confesou que Rob estaba a entrar nunha perigosa deriva con Jodie. Sentado na escuridade nocturna do garaxe, Rob aboárase á evasión psicotrópica compulsiva con marihuana e a engulir de penalti packs de Upslope IPA. Quizais a tendencia estaba relacionada con que Jodie comezara, en días impares, a poñer decímetros de distancia marital na cama king size que el mesmo escollera en Colder’s unha tarde de inverno.

As experiencias psicotrópicas e os anos compartidos entre Rob e Chuck, no mundo da educación e fóra del, xa non abondaban para mante-la paz na antiga amizade entrámbolos dous. O primeiro só pensaba en fuxir da casiña de barrio alto para refuxiarse en longas findes por montañas diversas; entrementres, a frialdade xermánica de Jodie e maila súa concentración na análise feminista da obra de Goethe foran entolecendo o desexo carnal de Rob, superado tanto en dureza silenciosa coma en capacidade intelectual e desconexión emocional por unha cada vez máis cerebral Jodie.

Eu non fun quen de consolar a un Chuck que, sabedor dos exabruptos emocionais de Rob, no contexto marital e fóra del, vía como a súa deriva obsesiva e controladora ameazaba con achegarse perigosamente á de Martin Burney en Sleeping with the Enemy.

Suxerinlle a Chuck cambia-lo seu café Blonde Espresso por un lingotazo de Peach Tranquility e entregarse a unha dobre sesión nocturna de meditacións activas (Kundalini e Dinámica) tras cea frugal no alternativo barrio de Fremont.

Con senllos caldeiros plásticos de Peach Tranquility na man e o ánimo máis calmado, seguimos camiñando por Pike Place ata chegarmos á beira de costa, na procura de toda a quietude mental que a ría formada por Seattle e Bainbridge Island podía ofrecernos. Con esta última no horizonte visual, acordoume a Illa de San Simón cercada por ondas de xenreira a diminuí-lo seu tamaño canda a contemplación da beleza marítima do Pacífico. 

Velaí estabamos, en plena exposición ó norte, dous meditadores occidentais, diferentes e xunguidos polos azares de Pike Place, invocando a benevolencia do grande espírito e deitados fronte ó mar, ese camiño, na populosa e excepcional urbe do Estado de Washington.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA