Temas: FRASEOLOXíA

“... nin (que) farrapo de gaita”, no canto do castelán “... ni (qué) niño muerto”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 25/08/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Un dos xeitos que en castelán existe para negar ou rexeitar con rotundidade algo que se acaba de escoitar é repetir máis ou menos ese algo e facelo seguir da expresión ... ni qué niño muerto, secuencia esta que tamén se utiliza (sen a partícula interrogativa qué) como reforzo dun enunciado negativo previo, formando deste xeito unha estrutura negativa bimembre.

Gaita galega
Gaita galega | Fonte: Consello da Cultura Galega

En galego contamos tamén con varias formas expresivas que fornecen eses mesmos contidos. Vexámolas:

... ni (qué) niño muerto

{= 1. Expresión con que se indica negación, desprezo ou rexeitamento respecto de algo que se acaba de dicir, empregándoa tras a repetición máis ou menos literal dese algo. 2. Sen a partícula interrogativa qué, tamén se usa como reforzo dun enunciado negativo previo que recolle algo dito con anterioridade, formando deste xeito unha estrutura negativa bimembre que adoita achegar o significado de “nada”.}

... nin (que) farrapo(s) de gaita

[E TAMÉN]:

... nin (que) rabo de gaita

Ex. (1): —Me parece que te acaba de llegar una multa de tráfico. —¡¿Pero qué multa ni qué niño muerto, si llevo sin conducir más de un año?!

—Dáme que che acaba de chegar unha multa de tráfico. —¡¿Pero que multa nin que farrapo(s) de gaita nin que rabo de gaita, se levo sen conducir máis dun ano?

Ex. (2): —Se dice que le ha dejado dos casas en herencia. —¡Qué va, hombre, qué va! Ni casas ni niño muerto. No le ha dejado nada de nada.

—Disque lle deixou dúas casas na herdanza. —¡Dodemo, home, dodemo! Nin casas nin farrapo(s) de gaita. No lle deixou ren.

● Tamén, sobre todo para a primeira das “acepcións”:

... ni qué alforja && ... ni qué haca (morena)

... nin que albarda

Ex. (1): —Me parece que te acaba de llegar una multa de tráfico. —¡¿Pero qué multa ni qué alforja, si llevo sin conducir más de un año?!

—Dáme que che acaba de chegar unha multa de tráfico. —¡¿Pero que multa nin que albarda, se levo sen conducir máis dun ano?

● Mesmo tamén, sobre todo para a segunda das “acepcións”:

... ni (qué) cristo que lo fundó

... nin (que) feixe de leña && ... nin (que) rabo de peixe && ... nin (que) tal tarabelo

Ex. (2): —Disque lle deixou dúas casas na herdanza. —¡Dodemo, home, dodemo! Nin casas nin feixe de leña rabo de peixe nin tal tarabelo. No lle deixou ren.

● Tamén, só para a segunda das “acepcións”, fornecendo o significado de “nada” e formando por si soa estrutura bimembre sen recoller ningún elemento nominal enunciando con anterioridade:

... nin fol nin farrapos de gaita

Ex. (2): —Disque lle deixou dúas casas na herdanza. —¡Dodemo, home, dodemo! Non lle deixou nin fol nin farrapos de gaita.

● E inda tamén, en contextos, e asociadas a ámbitos de uso máis populares e familiares:

... ni (qué) madre que lo/la(s) parió

... nin (que) fandango && ... nin (que) vermella que os relamba && ... nin (que) tres cuncas de viño && ... nin (que) raio peludo && ... nin (que) chispa peluda && ... nin (que) demo cornudo && [E MESMO, MÁIS PROPIAS DE REXISTROS VULGARES]: ... nin (que) carallo && ... nin (que) cona && ... nin (que) carallo vintenove && ... nin (que) carallo lavela && ... nin (que) carallo que o/a(s) botou && ... nin (que) cona que o/a(s) botou/conachou

NOTAS:

1. Inda que non é o máis habitual, as expresións aquí reflectidas tamén son susceptibles de seren empregadas, para indicar rexeitamento ou desprezo con respecto a algo que se acaba de dicir, sen estaren antecedidas pola partícula negativa nin. Ex.:

Ex.:—Parece ser que le examen está fijado para el día veintinueve. —¡Pero qué niño muerto, hombre, si quedamos en que no era hasta el próximo mes!

—Seica o exame está fixado para o día vinte e nove. —¡Pero que farrapo de gaita, home, se quedamos en que non era ata o mes que vén!

2. Velaquí un pequeno repaso a léxico que nalgún caso podería resultar descoñecido ou dubidoso para certos lectores (de tirarmos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Farrapo substantivo masculino 1. Anaco de tea moi gastado e roto. A saia está feita de farrapos. Sinóns.: aldraxe, bandallo, béldrago, calaza, capizo, cerello, ciringallo, fargallo, galdrapo, miato, torgallo, trapallo, trapo, trincho, zarampallo, zarangallo, zarapallo, zarapello. 2. Peza de roupa moi usada e rota. Vai vestido cuns farrapos. Sinóns.: aldraxe, bandallo, béldrago, calaza, cerello, ciringallo, fargallo, galdrapo, miato. 3. Folerpa. Caían farrapos grandes coma pexegos. // substantivo masculino plural 4. Flocos da gaita. Os farrapos van pendurados do roncón.

Tarabelo –a1 substantivo Trade pequeno cunha barrena do tamaño dunha punta. A Para pasar os cables fixo antes un furado cun tarabelo.

Tarabelo –a2 substantivo 1. Pecho rústico, polo xeral formado por unha soa peza de madeira que xira sobre unha punta cravada no centro, utilizado para pechar portas, ventás, cancelas etc. Pechou o poxigo co tarabelo ao saír. Sinóns.: martabela, tramela. Confróntese: caravilla, cavilla, ferrollo, pechadura. 2. Trebello para espantar os paxaros, xeralmente con aspas que baten contra un obxecto metálico, e fan ruído ao seren movidas polo vento. Puxo unha tarabela no milleiral. Sinóns.: andavía, martabela, ruxideira, trapela, trécola, viraventos. 3. Peza do muíño de diferentes formas, unida á quenlla e apoiada na moa, que se move ao xirar esta, e axita a quenlla para que caia o gran no ollo do muíño. As mellores tarabelas son de carballo, de uz e mesmo de buxo. Sinóns.: batalleira, batallo, chamadoira, tanxedoira, traque.

Tarabelo –a3 adxectivo 1. Que non é serio nin constante nas súas opinións e accións. Non quero máis tratos con xente tarabela coma vós. Tamén substantivo É un tarabelo, non ten formalidade ningunha. Sinóns.: tiruleco, turuleque. Confróntese: tarambaina. 2. Que fala moito, pero sen xeito e con pouco sentido. Non lle fagas caso, que é algo tarabelo. Cala a boca tarabelo, que só dis parvadas! Sinón.: martabela.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta