Pablo Montesinos acode a Galicia para vender a alianza con Vox e C's: "Hoxe o PPdeG é Galicia Suma"

O vicesecretario de comunicación do PP, acompañado do secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, asegura que a sintonía entre o PP nacional e autonómico é "total". Culpa a Sánchez da "parálise reformista" que "sofre" o Estado e apela a levar o modelo "España Suma" a todas as comunidades onde hoxe "pacta a esquerda".

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 23/08/2019 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

Pablo Montesinos, novo vicesecretario de comunicación do PP, asegurou este venres que "hoxe o Partido Popular de Galicia é Galicia Suma". Esta foi a marca rexistrada polos populares para tentar ir en coalición con C's e Vox nunhas hipotéticas novas eleccións. Unha coalición que en Galicia xa foi rexeitada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que, curiosamente, non se reuniu con Montesinos, do núcleo duro de Casado.

Pablo Montesinos para a degustar a Tarta de Santiago
Pablo Montesinos para a degustar a Tarta de Santiago

Así pois, o número tres do PP, dixo que a sintonía entre o PP a nivel nacional e o PP autonómico é "total", e as mensaxes de ambos os dous grupos son "compatibles". Así o explicou a declaracións aos medios nun encontro que mantivo na mañá deste venres ao pé da figura de Valle-Inclán, na Alameda de Santiago de Compostela, acompañado do secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado. 

"GALICIA SUMA"

Respecto deste novo modelo, Montesinos asegurou que teñen a intención de que se poida levar a cabo en todas as institucións onde hoxe pacta a esquerda co obxectivo de dialogar coas formacións institucionalistas. Preguntado sobre se o PP galego terá autonomía para presentarse coas siglas do PP, o vicesecretario explica que "iso é compatible con dicir que o PP galego é Galicia Suma", porque "aquí en Galicia a inmensa maioría de centro dereita elixe, e moi ben elixido, a Feijóo", do que destaca que é un "referente para o PP de España".

Segundo di, hoxe en día os cidadáns poden escoller entre dous modelos políticos: o do PSOE,  sinónimo para el de "bloqueo político e suba de impostos" ou o do PP, "sinónimo de baixada de impostos, de diálogo, negociación e acordo".

"PARÁLISE REFORMISTA"

Responsabiliza a Sánchez da situación pola que atravesa o Estado, que cualificou de "insostible". "España sofre a parálise reformista e Sánchez volve reunir o Consello de Ministros sen ter feitos os deberes", asegura. Por iso, apela a que "diga a verdade": "ou que acabe co espectáculo lamentable da esquerda ou lle di aos españois que no que está é nunha campaña electoral e o que quere son novas eleccións en España". Esta última, unha situación fronte á que, matizou, "o PP estaría preparada".

Miguel Tellado aproveitou o encontro para recordar ao goberno socialista a "débeda que ten con Galicia". Reclamou unha "actuación decidida" respecto dese diñeiro - 700 millóns - que "lle corresponde a Galicia e que o goberno de España retén de forma irresponsable". "Non é verdade que non sexa posible facelo, que abandone as escusas", dixo respecto de Sánchez. Montesinos, pola súa banda, fixo súas as palabras de Tellado e esixiu ao goberno "que se poña a traballar". Insistiu, xa que logo, en que "España precisa un goberno ao 100%".

POLICÍA A BARCELONA E OPEN ARMS

En relación á posibilidade de que se envíe policía e garda civil do Estado a Barcelona, Montesinos asegurou que o PP presentou esa denuncia "tal e como reclaman os sindicatos policiais e acolléndonos ás reclamacións de boa parte da sociedade". O obxectivo: "buscar solucións aos problemas de inseguridade da cidade". "A postura sensata é a do PP", recalcou.

Tamén respecto do Open Arms, Montesinos solicita a Sánchez que "dea a cara" e que "aclare" a política migratoria do Estado. Deixa no aire algunhas preguntas: "Que vai pasar se nos próximos días hai un barco de novo desas características? Imos volver mandar un barco da Armada? Imos abrir portos españois?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anonimo

Concordamos em que em Galiza come-se muito bem. Mas pode-se ver a Galiza a comer sem necessidade de insultar aos galegos, que comece por respeitar a constituição e a oficialidade da língua galega na Galiza!!