A Xunta apoia a industria forestal con case 11 millóns de euros

Pon en marcha unha nova liña de axudas deseñada pola Axencia Galega da Industria Forestal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2019 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A Xunta apoiará a realización dun total de 130 accións formativas que terá como obxectivo impulsar a competitividade da industria forestal galega, dentro do compromiso do Goberno galego de ofrecer "unha formación especializada para favorecer o crecemento e modernización deste sector estratéxico".

Segundo informou a Administración galega nun comunicado, trátase dunha liña de axudas deseñada pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), na que se investirán 288.000 euros. As beneficiarias son 10 asociacións vinculadas ao sector que serán as encargadas de organizar as actividades, que van desde cursos e talleres a seminarios e xornadas centradas nos campos máis demandados por esta industria.

Esta acción enmárcase na aposta da Xunta por formar profesionais cualificados, desenvolver competencias relacionadas coas novas tecnoloxías e a innovación e promover a transferencia de coñecemento á industria e compleméntase cos cursos que se imparten con simuladores, un método que permite aos alumnos recrear situacións reais de traballo e sentar as bases do coñecemento da maquinaria forestal.

Este programa súmase ás axudas concedidas por XERA a pemes e micropymes para fomentar o uso de novas tecnoloxías e á convocatoria de innovación dirixida ás empresas de segunda transformación e do contract.

No primeiro caso, aprobáronse 81 iniciativas, ás que a Xunta destina 8,9 millóns e que mobilizarán 26,9 millóns. No segundo, están a apoiarse 14 proxectos cun investimento de 1,9 millóns, que mobilizarán máis de cinco e que teñen como obxectivo aumentar a produtividade, a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados e a posta en marcha de procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental.

Todos estes programas están incluídos na Axenda de impulso da industria forestal 2019-2021, a nova ferramenta da Xunta coa que busca favorecer a modernización deste tecido empresarial, atender as demandas actuais e contribuír á construción dunha sociedade saudable, baixa en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Operarios de ENCE trafegando madeira
Operarios de ENCE trafegando madeira | Fonte: ence.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta