González Formoso destaca as obras de seguridade viaria executadas pola Deputación en Valdoviño

O presidente da Deputación da Coruña visitou as obras de mellora que se realizan na estrada que comunica este municipio co veciño de Cerdidoo cun investimento superior aos 600.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2019 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia



O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou este venres a importancia das "obras de seguridade viaria" que a administración que el preside executou e materializa no municipio de Valdoviño (A Coruña).

Estas manifestacións realizounas o tamén rexedor das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) nunha visita que cursou durante este venres, 23 de agosto, ao municipio costeiro pertencente á comarca de Ferrolterra, onde estivo acompañado polo alcalde desta localidade, Alberto González (PSOE), e por integrantes de ambos os gobernos, tanto provincial como local.

Unha das actuacións visitada, e xa finalizada, foi nas inmediacións do CPI de Atios, "para salvagardar a integridade dos escolares", explicou, coa construción dunha rotonda, para facilitar as manobras de cambio de sentido dos autobuses escolares, "que trasladan a este colexio a preto de 600 alumnos". Tamén se executou un carril de acceso ao aparcadoiro do centro escolar e que deixa, desta maneira, á entrada e saída do centro completamente libre a estrada principal.

AMPLIACIÓN DE VIARIA

González Formoso tamén aproveitou a súa primeira visita institucional a Valdoviño para visitar as obras de mellora que se realizan na estrada que comunica este municipio co veciño de Cerdido, nun tramo de máis de dous quilómetros e medio, ao seu paso polas parroquias de Vilaboa e Loira, cun investimento superior aos 600.000 euros.

A iso súmanse máis de 159.000 en expropiacións, cunha calzada que pasará de ter un ancho de cinco metros a sete, ademais de beiravías laterais dun metro para mellorar a seguridade dos peóns, sinalaron.

CÁNDIDO HERMIDA

Con motivo da súa presenza en Valdoviño, Gónzalez Formoso visitou, conxuntamente co alcalde e outros representantes públicos, as instalacións que o grupo Cándido Hermida ten na zona de Loira. Neste acto estiveron acompañados polo seu fundador, Cándido Hermida, e o director xeral da compañía, Santos Pérez. En concreto, realizaron un percorrido polas instalacións, desde onde se enviaron moitos dos elementos que, posteriormente, foron instaladas en establecementos comerciais, moitos deles do grupo Inditex, que é un dos seus principais clientes.

Formoso destacou "a continua aposta pola innovación de Cándido Hermida, sen perder as raíces artesanais coas que comezou nun pequeno taller de ebanistería e que hoxe é líder no seu sector, dando emprego a centenares de persoas e exporta desde Ferrolterra a 77 países, traballando con algunhas das empresas máis importantes do mundo".

Ademais, incidiu en que "para a provincia da Coruña é un orgullo contar con empresas como esta", que "son referencia no seu sector e que levan os nosos produtos a todas as latitudes", sentenciou.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visita obras en Valdoviño (A Coruña).. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visita obras en Valdoviño (A Coruña).. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta