Por nonsei | GC ABERTO | 18/04/2012
Nota do representante das ANPAS das Escolas Infantís Municipais de Narón, Óscar Mouriz.
“O pasado día 12 de abril mantivemos unha reunión na Xunta de Galicia coa Secretaria Xeral de Política Social, señora Coro Piñeiro, e co Xerente do Consorcio, don Roberto Rodríguez.
Na devandita reunión trátanse varios temas. O primeiro, logo de preguntar pola postura da Xunta neste tema, e sen responder sequera, foi preguntarnos ás ANPAS alí presentes se sabiamos que o concello perdera uns 40.000 (corenta mil) euros en subvencións. Pois ben, a pesar de poder “meter a pata” (xa que nin somos políticos, nin economistas, nin manexamos ese tipo de documentación), entendemos que non poden estar perdidos xa que a nosa información é que están recorridos e que desde a data do 2 de decembro do ano 2011 non se obtivo resposta a ese recurso desde a Administración.
Pero non imos ser as ANPAS as que defendamos neses conceptos ao Concello de Narón. Cremos que son suficientemente competentes como para facelo eles sós.
Outro dos puntos foi a xustificación de que os orzamentos estaban pechados e a planificación, feita, polo que non se podía facer nada xa. Sabemos que en casos excepcionais e urxentes, como consideramos que é o de Narón, se poden buscar solucións nese aspecto. Pero, aínda así, temos o caso do municipio de Boiro, que, con data 22 de febreiro de 2012, recibe a visita da Conselleira, señora Mato, e anuncia a próxima construción dunha escola infantil da rede Galiña Azul, o que colle por sorpresa ao Señor Alcalde, que nin sequera ofertara os terreos e se atopaba co problema de non saber onde situala. É esa devandita planificación que se facía con tanta antelación á que se refería a señora Piñeiro e o señor Rodríguez?
En ningún momento desta reunión se cita o feito de que na lexislatura pasada o Concello de Narón nega á Xunta a transferencia da xestión das E.I.MS, tal e como se filtra á prensa esa mesma tarde. Como A.N.P.As esiximos que se ese documento existe a Xunta de Galicia o saque á luz, xa que é unha das escusas que se esgrimiu durante todo este tempo como cabalo de batalla para negar a citada cesión.
Tamén, diante da pregunta de por que non estaba o Concello sentado nesa mesa de reunión, nos responden que non tiveron notificación ningunha de petición de entrevista con eles, resposta que queda desmontada cando se presentan documentos de varias peticións desde o ano 2009, ás cales responden cun simple “disto non sabemos nada”; feitos todos estes que nos fan pensar que pouco menos que se intenta usar a nosa presunta ignorancia en determinados temas políticos, chegando ata a sentirnos ofendidos en ocasións, xa que nós, como pais, usamos o noso tempo que roubamos ás nosas familias e ata ao noso traballo persoal, e pondo os nosos medios para iso, somos recibidos en Santiago para dilatar máis no tempo unha solución que consideramos urxente.
Estes puntos e outros non tan destacables pero igual de importantes foron insostibles por parte da señora Secretaria Xeral e do señor Xestor, e fan que saiamos desta reunión insatisfeitos e con máis preocupación, pois seguen negándose a asumir a xestión das escolas aínda tendo a competencia única e exclusiva deste servizo, e sen achegar sequera o mínimo do terzo que se pedía, e con ningunha outra conclusión que a de volver dentro duns 15 días a sentarnos nunha mesa, esta vez co Concello presente, como así criamos que debería ser esta vez.
Ademais, tamén quero aproveitar este escrito para denunciar un feito que nos parece, como se poderá ver, inadmisible e indignante.
O pasado 13 de abril (un día despois desta reunión), no Concello de Carballo, celébrase un acto de inauguración da escola pertencente á rede Galiña Azul, ao que acode o señor Xerente do Consorcio, don Roberto Rodríguez, e a señora Conselleira (das escolas infantís), dona Beatriz Mato. Ata alí trasladámonos un grupo de pais afectados pola problemática das escolas de Narón cun grupo do sindicato C.I.G.-Ensino para, como está regulado por lei, exercer o noso dereito á protesta.
Nun momento concreto, alguén da súa comitiva diríxese a nós para increparnos dicíndonos que “o problema de Narón que o resolva o seu Alcalde”, e ata a señora Mato chega a dicir nun ton pouco adecuado, cando escoita as protestas de que queremos unha solución para Narón, que ”hai moitas” [escolas], palabras que nos parecen bochornosas.
Pero isto non quedou aquí, senón que á saída do acto da escola e baixo os cánticos de “non á privatización” e “solución para Narón” quedamos perplexos cando vemos que a señora Mato corea eses cánticos e os acompaña cun esperpéntico baile en ton mofa e burla aos alí presentes.
Por iso desde as A.N.P.AS de Narón esiximos a dimisión de dona Beatriz Mato e as desculpas públicas inmediatas por esa falta de respecto, non só aos alí presentes senón a toda esa xente que ela, como parte do goberno da Xunta, representa.
Non estamos dispostos a tolerar nin a máis mínima falta de respecto á xente que reclama legal e pacificamente os seus dereitos, e que parece que a algúns estamentos tanto molesta pola difusión que grazas aos medios estamos dando a un problema tan grave.”
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.