Tres portos galegos súmanse ao proxecto que recupera lixo do fondo mariño para crear tecido

Participan na limpeza de residuos do fondo mariño no marco do proxecto 'Upcycling The Oceans'. O proxecto en Galicia comezou en 2018 no porto da Coruña con apoio de Portos do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2019 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia



Máis de 3.700 pescadores españois participan na limpeza de residuos do fondo mariño no marco do proxecto 'Upcycling The Oceans', unha iniciativa conxunta de Ecoembes e Fundacion Ecoalf, co que os pescadores colaboran na recuperación de lixo que terminará transformándose en fío para crear tecidos á que agora se sumaron os pescadores dos portos pesqueiros galegos de Celeiro, Burela e Corme.

En total 85 barcos galegos participan na iniciativa. En concreto, aos 14 barcos que participan na Coruña, sumáronse 7 arrastreiros en Burela, preto de 50 embarcacións en Celeiro e 14 en Corme. Desta forma, en cada un dos portos establecéronse colectores para que os máis de 1.380 pescadores que colaboran poidan depositar os residuos correctamente.

O proxecto en Galicia comezou en 2018 no porto da Coruña con apoio de Portos do Estado. Durante o primeiro ano, 140 pescadores coruñeses de 14 barcos lograron liberar os fondos mariños de 1.105 quilogramos de residuos dos que 787 eran plásticos. En toda España, en 2018 recolléronse 140 toneladas de residuos mediante a colaboración de 3.700 pescadores, 620 barcos en 40 portos do Mediterráneo, do Golfo de Cádiz e de Galicia.

En relación co éxito da campaña, o presidente de Ecoalf, Javier Goyeneche, manifestou a súa alegría coa evolución do proxecto, que suma colaboradores ano a ano. "O noso obxectivo non é só extraer o lixo que está a esnaquizar os ecosistemas mariños senón demostrar que é posible darlles unha segunda vida", asegurou. Goyeneche destacou que o proxecto comezou en 2015 en 9 portos e na actualidade participan 40 portos de España que ata 2018 permitiron recuperar máis de 330 toneladas de lixo do fondo do mar.

"O mar é un dos máis prezados tesouros de Galicia, por iso non podemos ser indiferentes ante un problema como o do lixo mariño", asegurou a directora de comunicación de Ecoembes, Neves Rei, que considera imprescindible recuperar e reciclar os residuos. "Sen dúbida, a incorporación de novos portos en Galicia a esta iniciativa é unha fantástica noticia que mostra o compromiso dos galegos coas contornas mariñas que lles rodean", celebrou.

Barco galego. ECOEMBES - Arquivo
Barco galego. ECOEMBES - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta